A mostra está enmarcada en «Corrente cultural», un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación
«Castelao grafista (facsímile)» poderase visitar na Sala de Exposicións de Ribadeo do 27 de novembro ao 28 de decembro, de martes a sábado en horario de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h. A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación, debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, retratos fotográficos, caricaturas e debuxos e portadas de revistas.
A EXPOSICIÓN «CASTELAO GRAFISTA (FACSÍMILE)»
A exposición, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbums de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).
No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.
A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.