Olalla Rodil “é vital contar con servizos públicos para garantir unha vellez digna e facer posíbel a conciliación familiar, xerando máis benestar”
A iniciativa do BNG demanda ao Goberno galego que se comprometa e destine partidas orzamentarias para a construción do centro de día, coa dotación de recursos precisos, tanto materiais como humanos.
Olalla Rodil , deputada do Bng no Parlamento Galego, explicou “Vilalba leva máis de 20 anos de espera, con continuos anuncios mais sen ningunha actuación da Xunta para a súa posta en marcha de verdade” e subliñou “desde o BNG levamos a construción ao debate destes orzamentos para que se poña en marcha canto antes, é unha débeda histórica con Vilalba e tamén coa comarca da Terra Chá”.
Rodil destacou que Vilalba como cabeceira de comarca, con máis de 14000 habitantes e cunha poboación maior que supón o 30% “é vital contar con servizos públicos para garantir unha vellez digna e facer posíbel a conciliación familiar, xerando máis benestar” Este centro de día “é un compromiso concreto e urxente”.
Neste senso, a deputada fixo fincapé “a veciñanza leva demasiado tempo e nin o PP nin o PSOE dan cumprido as súas promesas para establecer este servizo público, mais o BNG seguirá a traballar para a creación deste servizo crucial; agardamos que o PP á fronte da Xunta non vote en contra desta proposta”.