“Levamos tres décadas ocupándonos das vítimas das matanzas, pero non dos verdugos. Algúns historiadores iniciamos hai uns anos o xiro perpetrador para identificar as lóxicas dos verdugos, a razón da matanza que perpetraron ligada ao golpe; a súa identidade e as formas que tiveron de agocharse e difuminarse no relato, pero tamén borrando as pegadas do seu crime durante a ditadura…ata hoxe”.
O Foro Social a Mariña entende que estamos a vivir nun tempo onde afloran relatos que pretenden dulcificar e mesmo ensalzar o réxime ditatorial construído a raíz do golpe de estado de 1936. Nun tempo no que a ultradereita está a implementar unha estratexia de branqueo e loubanza do franquismo, nun contexto de avance dos totalitarismos na Europa e no mundo; e nunha sociedade na que e o “ pacto de silencio “ e a desmemoria cumpriron unha función solapadora das atrocidades e responsabilidades derivadas dun réxime ditatorial.
O ciclo sobre a Memoria Histórica desenvolverase ao longo do exercicio 2025; coincidindo cos 50 anos da morte do ditador.