Site icon Crónica3.com A Mariña

Unhas 500 persoas concéntranse en Ourol pola falta de médico

Ourol, 12 de xaneiro, 2025. Preto de cincocentas persoas concentráronse diante do Centro de Saúde de Ourol para esixir ao Sergas e ao goberno da Xunta que se substitúa ao médico ausente todos os días e durante toda a quenda. A concentración, convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña e polo Concello de Ourol, superou todas as previsións e inundou a explanada diante do centro sanitario.

A situación, que volve repetirse por enésima vez, é dramática pois a falta do único médico que atende a veciñas e veciños de Ourol solo vai ser cuberta cinco ou seis días durente este mes, derivando á xente ao Concello de Muras o resto dos días.
Á concentración acudiu o alcalde de Ourol, a tenente de alcalde de Muras e un representante do tecido asociativo do Vicedo, concello no que levan mobilizándose máis dun ano pola falta de médicos.

A portavoz da plataforma, Montse Porteiro, sinala que a decisión de derivar a Muras, sobresaturando o seu centro de saúde coa demanda da veciñanza da Ourol, non fará máis que agravar a situación de Muras, con problemas similares aos de Ourol. Esta decisión ven confirmarnos que non hai vontade de pór solucións á grave situación que atravesa a Atención Primaria, senón que únicamente están a tapar os furados dun barco que se afunde.

Desde o colectivo lembramos que a decisión de facer un área única tentando vendernos as súas bondades é o maior fraude que os representantes políticos do PP da Mariña lle infrinxiron ás e aos mariñáns.

Exit mobile version