Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG rexistra no Parlamento Galego as 6.676 sinaturas de Viveiro para esixir que a Xunta xestione o Conservatorio

Viveiro, 29 de xaneiro, 2025. A voceira de Viveiro polo BNG e tenenta de alcaldía, Míriam Bermúdez e Ana Pontón portavoz nacional, xunto cos deputados do BNG Dani Castro e Cristina Fernández Davila, deu hoxe un paso decisivo na defensa do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro e da economía local. O BNG rexistrou no Parlamento Galego as 6.676 sinaturas recollidas en Viveiro, que, sumadas ás obtidas noutros puntos de Galiza, elevan a cifra total a 9.050. Este apoio masivo evidencia a importancia do caso singular de Viveiro e reforza a demanda de que a Xunta de Galicia asuma a xestión integral dos conservatorios.

Un clamor cidadán liderado polo BNG

Dende o inicio desta iniciativa, o BNG puxo o foco en trasladar ao Parlamento Galego a urxencia dunha solución para os conservatorios municipais. Segundo explicou Míriam Bermúdez, “o apoio maioritario da veciñanza demostra que Viveiro e Galiza reclaman unha xestión xusta para un servizo que é competencia da Xunta. A música e a educación deben estar garantidas por unha rede pública sólida e sostible.”

Cifras que avalan a necesidade dunha solución

O Conservatorio Profesional de Música de Viveiro supuxo en 2023 un custo de 1.141.676,22 euros para o Concello, unha carga económica que compromete recursos destinados a outras necesidades fundamentais. “Non é razoable que Viveiro teña que asumir en solitario esta responsabilidade. É o momento de que a Xunta actúe e asuma o que lle corresponde,” subliñou Bermúdez.

Compromiso do BNG no Parlamento

A deputada Cristina Fernández Davila, encargada de defender a iniciativa no Parlamento Galego, reiterou o compromiso do BNG de garantir a igualdade no acceso ao ensino musical. O obxectivo da formación nacionalista é a creación dunha rede pública de conservatorios comarcais que asegure unha educación musical de calidade, sen discriminacións entre concellos.

Unha mobilización sen precedentes

A recollida de 6.676 sinaturas en Viveiro reflicte o amplo respaldo social a esta demanda, impulsada polo BNG. “Agradecemos a implicación de todas as persoas que colaboraron nesta iniciativa. Nunca antes se lograra un compromiso tan grande da veciñanza e dos propios traballadores do Conservatorio,” destacou Bermúdez.

Despois do traballo realizado en Viveiro, o BNG continuará agora a súa presión política no Parlamento Galego, como segunda forza máis votada, para que a Xunta de Galicia asuma as súas responsabilidades.

Exit mobile version