Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez subliña a mellora da seguridade no Concello da Fonsagrada cun descenso do 20% no número de delitos coñecidos o pasado ano

Na reunión aprobouse o dispositivo de seguridade da Feira do Butelo, que se celebra a finais de mes

A Fonsagrada, 13 de febreiro de 2025. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiu esta mañá xunto ao alcalde da Fonsagrada, Carlos López, a reunión da Xunta Local de Seguridade do municipio. Nela fíxose unha avaliación dos datos de seguridade acadados o pasado ano e abordouse o dispositivo de seguridade da Feira do Butelo, que se celebra na fin de semana do 22 e 23 de febreiro.

A subdelegada felicitou o traballo desenvolvido pola Garda Civil no municipio, que volve a mellorar a taxa de eficacia policial durante o pasado ano, en base ao esclarecemento dos delitos. Así, Isabel Rodríguez indicou que no ano pasado a Garda Civil logrou esclarecer neste municipio o 69,4% das infraccións penais cometidas. “Sube o esclarecemento dos delitos con respecto ao ano anterior nun 21%, polo que temos que felicitar aos Corpos e Forzas de Seguridade”, apuntou. Nesta felicitación fixo mención á operación desenvolvida desde a Comandancia de Lugo que logrou deter unha banda de ladróns itinerante a mediados do mes de xaneiro, e que actuaran a principios de ano na localidade da Fonsagrada.

No que respecta á evolución da delincuencia, os datos aportados nesta reunión apuntan a un descenso significativo de case un 20% nos delitos cometidos en 2024 fronte aos datos do ano anterior, polo que a taxa de criminalidade baixou ata o 15,72 (delitos por cada mil habitantes). Isabel Rodríguez destacou estas cifras que apuntan que a criminalidade na Fonsagrada “sitúase 13 puntos por debaixo da media da provincia e menos da metade da taxa media autonómica”.

A subdelegada destacou que actualmente o catálogo de postos de traballo do Cuartel da Fonsagrada está cuberto ao 100%, o que permite dar un servizo máis axeitado nesta comarca.

Outras accións

A subdelegada tamén agradeceu as actividades que levan a cabo a través do Plan de Mellora da Convivencia Escolar e do Plan Maior Seguridade. No curso pasado, a Garda Civil desenvolveu nos centros educativos do municipio 10 charlas formativas, das que seis versaron sobre distintos tipos de adiccións. Este curso hai programadas polo momento 5 máis sobre temáticas relacionadas co acoso e a ciberseguridade, entre outros temas. Ademais, tamén se realizaron 5 charlas en distintos puntos do Concello destinadas a persoas maiores para formar sobre cuestións básicas de autoprotección e seguridade viaria.

Como é habitual, Isabel Rodríguez recordoulle ao rexedor que pode contar coa axuda do Goberno e da Subdelegación para todo o que precise e que sempre estarán alí para apoiar aos concellos do rural.

Feira do Butelo

A reunión da Xunta Local aprobou tamén o dispositivo de seguridade da Feira do Butelo, que se celebra os vindeiros 22 e 23 de febreiro. Como é habitual, este dispositivo combinará medios públicos e privados para garantir unha celebración segura.

Isabel Rodríguez fixo un chamamento á cidadanía para actuar con responsabilidade e poñer en coñecemento das Forzas de Seguridade calquera alteración da orde ou comportamento incívico do que sexa testemuña.

Exit mobile version