Daniel Castro leva ao Parlamento as queixas da cidadanía, que varios días ao mes se ve obrigada a trasladarse a Viveiro ou Muras para ser atendida
O deputado da Mariña preguntou por esta cuestión ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ao que afeou que “a nova normalidade do PP”, ou “o que o PP lle quere facer crer á poboación que é o normal”, sexa ter un centro de saúde sen persoal médico, como sucedeu a maioría dos días no de Ourol o pasado mes de xaneiro.
“Considera normal que en 2025 a xente teña que aceptar ter médico seis días ao mes no seu centro de saúde, como sucedeu en xaneiro?”, inquiriulle, para recriminarlle a continuación que o PP intente “vender agora como unha grandísima medida que soamente estean 4 días sen médico en febreiro e 10 días sen médico en marzo”. Especificou, neste sentido, que hai días nos que só hai médico catro horas en vez de sete e criticou que cada xornada na que si está cuberto o servizo os veciños e as veciñas son atendidos por un “médico ou médica diferente”.
Castro considerou que a situación no centro de saúde é “inaceptable” porque, advertiu, “literalmente, vai na saúde da xente”, que xa saíu á rúa a protestar “masivamente” nunha concentración porque “non queren ir á porta do seu centro de saúde a ler que no hai médico”. “Iso lese facilmente con cataratas ou sen elas, porque isto se sinte e se sofre”, engadiu tirando de ironía despois de que o conselleiro cuestionase recentemente a urxencia dunha operación de cataratas para quen non acostuma a ler.
Rexeitou, ademais, que a solución da Consellería á veciñanza de Ourol sexa desprazarse ao centro de saúde de Viveiro que, advertiu, está colapsado “un día si e outro tamén” e co seu persoal traballando ao límite, ou ao de Muras, onde “moitos días” tampouco hai persoal facultativo.
“Os veciños e as veciñas de Ourol queren algo que é moi comprensible, que é ter un médico no seu centro de saúde e que o queren ter aí todos os días”, remarcou o deputado nacionalista que, xa na quenda de réplica ao conselleiro, denunciou que na Mariña é posible ir “de centro de saúde a centro de saúde en cada concello e atopar prazas sen cubrir e servizos que non se ofertan”. “Non son casos illados, pasa en Ribadeo, Foz, Cervo, Xove, Viveiro, Mondoñedo, Lourenzá, Ourol… e a vostedes isto parécelles normal”, rematou.