O Deputado de Promoción Económica e Social asistiu á presentación da novena edición desta ruta cicloturista, á que a institución achega 3.000€ para o desenvolvemento da proba que contará con tres distancias: 72, 55 e 40 quilómetros
Pablo Rivera subliñou a consolidación desta cita como unha das máis esperadas para os amantes do ciclismo e do turismo de experiencias en Galicia. Destacou que o evento transcende do carácter deportivo, sinalando que “é unha experiencia completa, que invita a descubrir a nosa terra dun xeito diferente”. “A Ruta San Simón da Costa non é só para os que pedalean, senón para todos aqueles que queren vivir unha fin de semana especial, rodeados de deporte, natureza e gastronomía”, afirmou.
Así mesmo, o Deputado resaltou a diversidade dos percorridos, pensados para participantes de todos os niveis, “desde os máis atrevidos ata aqueles que buscan gozar dunha experiencia sen présas”. Lembrou que esta ruta encaixa perfectamente no modelo de turismo que promove a Deputación de Lugo, baseado en ofrecer experiencias auténticas e afastadas das masificacións.
“A través desta ruta, os participantes teñen a oportunidade de coñecer a fondo os nosos camiños, montes e vilas, ao tempo que se conectan coa nosa xente e a nosa historia”, afirmou Rivera Capón.
Finalmente, animou a todas as persoas a participar ou seguir a ruta como espectador “para desfrutar desta experiencia única e de todo o que ofrece a noa provincia”, concluíu o Deputado.
Tres percorridos e 300 prazas dispoñibles
A ruta dará comezo ás 09:00 horas con saída dende a Praza da Constitución de Vilalba. Poden participar todos os ciclistas maiores de 15 anos que teñan unha licencia federativa en vigor, cun máximo de 300 participantes. As inscricións de menores de 18 anos deberán ir acompañadas da autorización por escrito do pai, nai, ou titor legal do participante. Os interesados poden realizar as inscricións ata o día 1 de abril a través da páxina web de ccnorte.com.
Nesta nova edición, a ruta máis longa incrementa a dificultade cun percorrido de 72 quilómetros polos concellos de Vilalba, Xermade e Muras, con 2.000 metros de desnivel positivo. Con respecto á ruta de media distancia, conta con 55 quilómetros e 1.400 metros de desnivel positivo e, por último, a proba máis corta é de 40 quilómetros e 700 metros de desnivel positivo.