Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello conmemora o Día Internacional das Mulleres cun novo panel da exposición ‘A Historia de Mondoñedo leva nome de muller’ e a lectura da declaración ‘Mondoñedo en Igualdade’

Mondoñedo, 7 de marzo de 2025. Na mañá de hoxe tiveron lugar os actos centrais da conmemoración do Día Internacional das Mulleres no Concello de Mondoñedo, que consistiron na presentación do novo panel da exposición permanente “A Historia de Mondoñedo leva nome de muller” e a lectura da declaración “Mondoñedo en Igualdade”.

Nesta exposición, inaugurada no ano 2017, faise mención ás representantes do pasado, presente e futuro de Mondoñedo que dunha forma ou outra resultaron ser pioneiras na historia local. Este ano o panel está dedicado a Rosa Moledo, fotógrafa, Ruth Barro Piñeiro, científica, e Patricia Martínez Paz, médica, tendo tamén un recordo especial a todas as mulleres que traballaron na fábrica de gaseosas de Viloalle. O panel de 2025 estará exposto durante todo o ano na entrada da Casa do Concello e os anteriores poden visitarse na sala de reunións de Servizos Sociais e CIM, situada no baixo da Casa do Concello.

Como continuación a este acto, o sábado 15 de marzo terá lugar a xa tradicional “Comida da Igualdade” a partir das 14 horas na Finca San Antonio. Trátase dun encontro lúdico onde mulleres e homes poden compartir un espazo de igualdade. Haberá sorteo de agasallos e animación musical. Toda persoa interesada poderá anotarse nas oficinas de Servizos Sociais e CIM. O custo son 25 euros.

Ademais, está en marcha o concurso “Debuxando en Igualdade” para o alumnado dos centros educativos de Primaria, Secundaria e Bacharelato dos concellos de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá, A Pastoriza, Riotorto e Meira, do que se entregarán os premios o vindeiro sábado 29 de marzo ás 17 horas no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” de Mondoñedo. A continuación, terá lugar un espectáculo de títeres pola igualdade titulado “Bebé…”

Exit mobile version