Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares participou este sábado no acto de colocación da estatua da Virxe do Carme no Porto de Burela, organizado pola Asociación de Mariñeiros Xubilados “A Moncloa”

Burela, 29 de marzo de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este sábado no acto de colocación da estatua da Virxe do Carme no Porto de Burela, organizado pola Asociación de Mariñeiros Xubilados “A Moncloa”, e que se enmarca no obxectivo da entidade de que o patrimonio cultural-marítimo permaneza no tempo, entendéndoo como unha maneira de por en valor o legado dun oficio tan arraigado neste municipio, na Mariña e en Galicia.

Na actualidade, existe unha imaxe situada na punta do peirao, pero o seu acceso é moi dificultoso por mor da actividade portuaria, de aí que, dende a Asociación, para poder seguir mantendo esa tradición, solicitasen o cambio de emprazamento para un lugar máis accesible, co fin de que os mariñeiros poidan achegarse a ela de forma segura. Villares enxalzou o traballo desta entidade, amosándolle aos seus integrantes o compromiso do Goberno galego para seguir apoiando iniciativas que difundan e divulguen a historia pesqueira de Galicia e das súas xentes do mar, xa que o 55% da poboación reside no litoral. Nesta liña, destacou que, precisamente, a Consellería dispón do Plan da Cultura Marítima de Galicia. Horizonte 2030, un documento único e pioneiro tanto a nivel nacional como internacional e que fai unha profunda análise da diversidade de bens inmobles, mobles e patrimonio inmaterial existente na comunidade. Recolle 100 medidas, converténdose nun instrumento que favorece a xestión integral deses vestixios e a súa difusión fóra da comunidade.

Exit mobile version