Os senadores -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- mantiveron unha reunión co alcalde das Nogais, Jesús Núñez, e portavoces dos municipios polos que discorre o río Navia na provincia de Lugo
O alcalde das Nogais, Jesús Núñez, que foi elixido un dos catro alcaldes comisionados como directiva, os senadores, a deputada autonómica Encarna Amigo e portavoces dos municipios lucenses amosaron nunha xuntanza o seu apoio á iniciativa para habilitar unha senda peonil e cicloturista de 428 km ao longo do río Navia que atravesa16 municipios, 7 lucenses e 9 asturianos.
Núñez avoga por “conseguir que este proxecto, que leva 8 anos en marcha, sexa realidade dunha vez por todas” e explicou que “é competencia do Goberno do Estado, pero tamén buscaremos o apoio do resto de administracións”.
Despois de máis de 7 anos nos que “o Goberno de Sánchez non moveu un papel”, os senadores presentaban formalmente unha pregunta ao Executivo para coñecer as previsións que barallaba para “este proxecto de dimensión medioambiental, pero con repercusión económica e social”.
“Desgraciadamente”, segundo explicou Barreiro, “a resposta do Ministerio é desoladora porque vén a dicir que entre as prioridades que ten, non está esta senda”. De feito, cita como prioritarias a prolongación da Ruta do Cantábrico pola costa asturiana e despois pola cántabra e tamén a súa prolongación na vertente atlántica cara as Rías Baixas. Isto “confirma a falta de interese do Goberno de Sánchez que, de forma reiterada, vén manifestando en relación con esta provincia”.
“Desde o Senado seguiremos traballando” e presentaremos unha moción esixiralle ao Ministerio, aproveitando a maioría na Cámara Alta, “que a Gran Senda do Navia sexa unha realidade”.
O Grupo Popular no Parlamento de Galicia tamén defenderá o proxecto da Gran Senda do Navia e presentará unha iniciativa para o seu debate en Comisión.