O proxecto, cun orzamento superior aos 50.000 euros, permitirá a renovación do alumeado público en O Vilar, Trabada, Vidal, Vilarbetote e Vilafernando. Esta actuación enmárcase dentro da estratexia municipal para a modernización das infraestruturas e a aposta por un modelo máis sostible e eficiente.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia desta iniciativa: “Dende o goberno municipal de Trabada seguimos solicitando todas as subvencións que se adaptan ás necesidades do noso concello. O noso obxectivo é levar a cabo o maior número de proxectos posibles en todo o territorio, para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.
Así mesmo, subliñou a importancia da colaboración institucional para lograr avances significativos: “Sempre solicitamos axudas a todas as administracións, porque queremos executar proxectos que repercutan directamente no benestar da nosa veciñanza”.
O Concello de Trabada reafirma así o seu compromiso coa sustentabilidade e a mellora dos servizos públicos, impulsando proxectos que contribúan ao desenvolvemento do municipio e ao coidado do medio ambiente.