Ana Ermida Igrexas, vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense e Claudia del Pino, técnica do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña, reuníronse co director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, para presentar os proxectos turísticos que desde a entidade de xestión se están abordando nos últimos meses no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña.
Ana Ermida explicou que “este encontro, solicitado desde a Mancomunidade, tiña por obxectivo compartir os avances dos diversos proxectos turísticos que se están a desenvolver no territorio, establecendo unha interlocución máis directa, que resultou cordial e moi positiva”.
E contou que “así repasáronse actuacións como a promoción e aplicación da marca turística e de territorio A Mariña Galicia de Corazón, a campaña de desestacionalización Toma o teu tempo, proxectos integradores como a Rede de Rutas de Sendeirismo, a sinalización do Camiño do Mar ou o futuro Centro BTT A Mariña. Tamén se compartiron os avances nos diferentes proxectos que promoven a colaboración e interacción entre o sector público e privado como a implantación do SICTED no territorio que fomenta a calidade, o impulso á creación do Colectivo de Gastronomía da Mariña ou os acordos realizados con Galicia Destino Sostible e o Corredor da España Verde para a promoción do ecoturismo”.
O representante da Axencia Turismo de Galicia amosouse moi receptivo e valorou positivamente o traballo que se ven realizando sobre un territorio con recursos tan salientables e diversos.
Neste encontro, destacouse a implicación dos diversos axentes do territorio coas accións que se están a desenvolver desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña para a promoción dun turismo máis sostible. Ana Ermida subliñou “o beneficio que supón para os Concellos o traballo en conxunto e o relevante de aportar entre todos argumentos sólidos á marca territorio A Mariña, favorecendo a desestacionalización e diversidade da oferta”.
Este primeiro encontro abre unha canle de comunicación máis estreita coa Axencia Turismo de Galicia para favorecer sinerxias e motivar acordos que axuden a manter as liñas de traballo abertas en pos do desenvolvemento do turismo sostible no territorio.