Os traballos, nos que a institución provincial inviste preto de 200.000€, afectan aos últimos tres quilómetros da vía. Este luns comezaron coa extensión do aglomerado tras acometer a limpeza das cunetas e a mellora da drenaxe
As obras afectan concretamente ao treito comprendido entre o quilómetro 15 e o 18,03, no concello de Riotorto, no tramo que vai desde a parroquia de Santa Marta de Meilán, no lugar de Espasande de Arriba, ata a capital do municipio, As Rodrigas. A semana pasada comezaron os traballos coa reapertura de cunetas, eliminando a vexetación e as acumulacións de terra. Este luns comezaron os traballos de extensión do firme con aglomerado en quente e faltará o pintado da vía mediante marcas reflexivas brancas e a reposición da sinalización vertical.
Trátase dunhas obras importantes para o concello de Riotorto e para a provincia, posto que esta estrada une a zona setentrional da Terra Chá coa Mariña, dando servizo directo tamén aos concellos de Meira e da Pastoriza. Ademais trátase dunha vía que enlaza en Riocabo coa N-640 e nas Rodrigas coa LU-P-5501, polo que é unha estrada moi empregada pola veciñanza.