Os Deputados desta comarca, Francisco Cajoto e Carmela López, destacaron na inauguración destas instalacións destinadas á rehabilitación psicosocial e laboral a colaboración da institución provincial con esta asociación
“Este centro que hoxe abrimos en Cervo non é só un espazo físico. É un lugar de coidados e de oportunidades. Nós, dende Deputación de Lugo sentimos un orgullo profundo de formar parte deste camiño. Porque para nós os servizos sociais non son algo accesorio, senón un piar fundamental dunha sociedade xusta”. Así mesmo, engadiu que, investir en saúde mental “é investir en igualdade, en futuro e no benestar colectivo”, afirmou López Moreno.
Segundo os estudos, fixo referencia a Deputada, “unha de cada catro persoas pode sufrir ao longo da súa vida algún trastorno mental, e detrás destas cifras hai historias reais, persoas que merecen apoio, respecto e acompañamento”. Resaltou a importancia das cifras porque as enfermidades mentais, “moitas veces invisibles, aparecen en momentos decisivos da vida”, e subliñou que “isto condiciona o día a día, as relacións sociais e o acceso ao traballo”. Sen embargo, apuntou, que “con apoio, recursos e atención profesional, é posible vivir con plenitude, recuperar a autonomía e restablecer os vínculos persoais”.
Rematou Carmela López agradecendo á Asociación Saúde Mental A Mariña pola súa traxectoria exemplar e o seu compromiso coas persoas usuarias e as súas familias, que en moitas ocasións “son a súa rede de apoio e resistencia”.