Site icon Crónica3.com A Mariña

“A ventá de Overton e o Papa Francisco”. Antonio Gregorio Montes

Hai uns días soubemos da morte do Papa. Das súas tendencias e accións estaba informado, igual que todos. Aínda que, pretendendo sacar da vista nesgos e propaganda, quédome co ollada a algunha das encíclicas do seu pontificado, en particular as dúas centrais no tempo, como definitorias do seu traballo como purpurado.

Ó pouco, caeu nas miñas mans un artigo que citaba a ‘Ventá de Overton’. O termo fai referencia á ‘ventá’ de posibles opinións que se poden expresar no espazo público sen que o individuo ou partido político que as expresa sexa directamente descualificado. É dicir, con ese nome trátase de poñer imaxe a unha idea, a zona que permite expresarte sen caer baixo a mirada do/s teu/s interlocutor/es e ser chamado extremista. A ‘ventá’ móvese, non é fixa, depende mesmo do círculo social que se considere, e tamén varía no tempo, segundo diversos factores de influencia social. En certo xeito, sería o lugar de aniñado dun ideal amplo arredor do que se considera o centro en política e na sociedade.

E conectei os dous feitos.

Dentro da cerrazón eclesial a moitos temas, o recén finado Papa Francisco manexaba ideas que se soen asociar a contido ‘de esquerdas’ (outra cousa é que calquera se poda chamar a acariñar o ‘título’ dese contido e logo mesturalo con calquera cousa). Pois ben, esas ideas mantidas por el, terían feito de contención fronte a outras ideas. En particular, a ideas extremas pola súa dereita, sobre os mesmos temas. É dicir, terían contribuído a fixar a ventá nunha determinada posición definida como ‘central’. Coa súa morte, desaparece unha autoridade moral que as mantiña firmes, e esas ideas parécenlles a algúns algo así como como sen dono, sen alguén ‘forte’ detrás para defendelas, e polo tanto, máis débiles, atacables se fai falta, e nomeables como ‘de extrema esquerda’. Así, a ventá teríase corrido cara a dereita coa morte de Francisco, aínda que polo momento non salte a alarma, manténdose á espera da elección do próximo Papa.

Volvo a insistir no das dúas encíclicas, dispoñibles en internet. Laudato Si (https://www.vatican.va/content/dam/francesco/pdf/encyclicals/documents/papa-francesco_20150524_enciclica-laudato-si_sp.pdf, 2015) e Fratelli Tutti (https://www.vatican.va/content/francesco/es/encyclicals/documents/papa-francesco_20201003_enciclica-fratelli-tutti.html, 202) disparan a liña de flotación de ideas como o maltrato ó outro por ser diferente e ó planeta por ser nós os reis absolutos da creación e polo tanto, irresponsables. O paso a mellor vida de Francisco converte as encíclicas e o seu chamamento en historia pasada, e deixa libre a ventá de Overton para o movemento a unha zona no que os ataques á migración e a neglixencia medioambiental podan campar, nuns tempos nos que parece que non somos deste mundo, porque este mundo xa non sería noso. Nin noso nin ‘dos deuses’, senón de todopoderosos con todos os dereitos e sen ningunha obriga. O movemento da fiestra depende de nós, do noso movemento…

Exit mobile version