Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro en Sargadelos: “O apoio público non pode ser un cheque en branco, ten que ir vinculado á continuidade dos postos de traballo”

O secretario xeral do PSdeG estivo acompañado en Cervo por cargos socialistas da Mariña e pola secretaria de Organización do partido

Cervo, 30 de abril de 2025. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu este martes á fábrica de Sargadelos, en Cervo, acompañado da secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez, e unha ampla representación municipal socialista da Mariña lucense (Alfoz, Barreiros, Cervo, Burela, Foz, Mondoñedo, Ourol, Vicedo, Viveiro e Xove), coa que quixo trasladar o apoio ás traballadoras e traballadores despedidos nas últimas semanas e pedir que se garanta o futuro do proxecto.

“Sargadelos é máis ca unha empresa ou un centro de traballo. É un patrimonio cultural e un referente para toda Galicia. Por iso estamos aquí, para defender o seu futuro e os postos de traballo que están en risco”, afirmou Besteiro, acompañado por alcaldes, alcaldesas e concelleiros da comarca.

Durante a súa intervención ante os medios, a delegación socialista foi increpada polo propietario da empresa. A pesar do incidente, o líder do PSdeG mantivo a súa mensaxe centrada na defensa do emprego e na responsabilidade das institucións.

Besteiro reclamou a Rueda que aclare “que tipo de acordo ten coa empresa” e que “faga público ese compromiso que, segundo dixo, servía para pechar a crise dos últimos días”. Ademais, lembrou que o Goberno galego ten competencias en industria, patrimonio cultural e saúde laboral, e instouno a actuar “con coherencia e con sentido”.

“O apoio público non pode ser un cheque en branco. Ten que ir vinculado á continuidade dos postos de traballo e a garantir as condicións de seguridade e saúde laboral. Esa é a condición indispensable porque non falamos dunha opción, falamos dunha obriga”, concluíu.

Exit mobile version