“A sanidade pública da Mariña está en situación crítica como consecuencia directa das decisións da Consellería de Sanidade, da Xerencia da área Sanitaria e o silencio cómplice da Dirección do Hospital da Mariña”
A Xunta de Persoal do Hospital da Mariña, alerta da situación crítica “en servizos como Medicina Interna, Uroloxía, Cardioloxía, Dixestivo, Dermatoloxía, Radioloxía por falta de persoal que provoca suspensión de consultas, aumento das listas de espera e derivacións a Lugo para probas diagnósticas, cirurxías e ingresos”.
Consideran que a falta de profesionais “non se debe tan só a escaseza dos mesmos, e así atopámonos con categorías nas que existe moita dispoñibilidade, pero o Sergas négase a incrementar o cadro de persoal como acontece, entre outras categorías coas técnicas de Farmacia ou servizos como o paritorio que se atopa sen dotación de TCAE”.
“Temos que mobilizarnos para defender unha das grandes conquistas sociais, como é a sanidade pública”, conclúen dende a Xunta de Persoal do Distrito Sanitario de Mariña.