O evento tamén exalta os produtos locais do agro e fai promoción das razas gandeiras autóctonas, ademais de incluír no seu programa actos culturais e literarios
Neste sentido, cómpre lembrar que as Quendas son as feiras do primeiro de maio de Mondoñedo e comarca, cando se celebra un mercado de gando arredor do que xira esta festividade. Tamén se fai exaltación das producións do agro da contorna e nomeadamente da empanada e o programa complétase con actividades culturais e literarias. Constitúe unha das celebracións máis antigas e populares das que teñen lugar no municipio mindoniense, remontándose ao século XVI.
Dende a súa recuperación na década dos 80 do século XX, as Quendas son un referente comarcal e supoñen un importante foco de atracción turística e comercial. Comparte un papel protagonista no calendario festivo da localidade, xunto ás San Lucas, o Mercado Medieval ou a Semana Santa.
Nesta feira salienta a exaltación dos produtos locais do campo nos postos situados na avenida San Lucas, ao carón do campo da feira e na propia alameda dos Remedios e, na actualidade, tamén se realiza a promoción de razas autóctonas gandeiras en colaboración con Asoporcel (criadores de porco celta), a Federación de razas autóctonas de Galicia (Boaga) e a Asociación de criadores de cabalo de pura raza galega (Puraga).
Este ano a festa celébrase hoxe e mañá, comezando coa lectura do pregón no Auditorio Pascual Veiga, a cargo de Xulia Nogueira. Mañá xoves, día grande das Quendas, terá lugar a Feira Tradicional de Gando Cabalar, coa exposición de razas autóctonas e os concursos morfolóxico de pura raza galega e de andadura de cabalo marchador galego. Ao longo do día os asistentes poderán desfrutar ademais da XLI Festa da Empanada, con degustación deste produto, porco celta e poldro nos locais hostaleiros e do Mercado de Produtos do Campo Galego.