Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo advirte que “as obras do Hospital Asilo deberían estar rematadas e aínda queda un 30 % por facer”

Ribadeo, 25 de abril, 2025. Hoxe é 25 de abril data na que se cumpre o prazo de 18 meses para o remate das obras do Hospital Asilo.

O BNG asegura que: “Hoxe deberíase estar recibindo esta obra por parte do Concello. Pero as obras non están rematadas, nin de lonxe, como podemos comprobar e como todo Ribadeo sabe”.

“A día de hoxe, segundo figura na última certificación de obra emitida polo concello, que é deste mes de abril, falta aínda por executar un volume de obra de case 500.000 €, case un 30% do total”.

“Trátase dunha obra que xa arrancou tarde, cinco meses despois de deixala adxudicada cando o BNG estaba gobernando no Concello. Porque hai que recordar que nós, en maio do 2.023, deixamos garantida a financiación para esta obra, aprobado o proxecto e realizamos a licitación.”

“Por qué tardou o Concello e inciar as obras? Por qué promoveu que a obra fose a ao ritmo tan lento?”, preguntan os/as nacionalistas

“E a día de hoxe tampouco se sabe nada da financiación do seu equipamento nin da súa futura xestión; e son cuestións que tiñan que estar xa resoltas”.

“Esto é así pola incapacidade e a irresponsabilidade do goberno municipal, co seu alcalde á cabeza que parece máis ocupado noutros asuntos que en resolver as preocupacións dos veciños e veciñas de Ribadeo”, apuntan.

“Desde hoxe, cada día que pase, os ribadenses xa saben que non podemos contar coas prazas que necesitamos para atención dos nosos maiores, e desta situación é responsable exclusivamente Daniel Vega e quen o acompaña no goberno local”.

“Non se pode permanecer pasivo ante esta irresponsabilidade e ante esta nefasta xestión. Por iso, desde o grupo municipal do BNG de Ribadeo esixímoslle ao goberno municipal que se tome en serio estas obras do Hospital Asilo e que garantice que se van rematar de forma urxente para poder atender a tantas familias ribadenses que precisan este servizo”, conclúen.

Exit mobile version