Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro leva ao Pleno novas preguntas sobre a situación da Praza de Abastos, o Souto da Retorta e o contrato da Empresa de Servizos Enerxéticos

Viveiro, 9 de abril, 2025. A portavoz municipal do BNG, Miriam Bermúdez, presentará no Pleno deste mércores tres rogos dirixidos á alcaldesa, coa intención de obter información clara e transparente sobre tres cuestións de relevancia para a veciñanza: a Praza de Abastos, a situación actual do Souto da Retorta e o proceso para contratar unha Empresa de Servizos Enerxéticos.

Praza de Abastos: oportunidade perdida ou aposta de futuro?

O Bloque Nacionalista Galego solicita ao goberno municipal que aclare cal é o futuro previsto para a Praza de Abastos, tendo en conta que cando estivo o BNG no goberno fixo o seguinte:

-Un estudo sobre os usos e situación da Praza de Abastos.

-Un anteproxecto para a reforma integral do edificio

-A licitación dos postos baleiros.

-A consecución dunha subvención para modernizar o mercados

-Os pregos para a licitación dos postos baleiros redactados.

Ademais, está actualmente aberta (do 12 de marzo ao 14 de abril) a convocatoria de subvencións para a creación dunha Rede de Mercados Excelentes.

O BNG pide ao equipo de goberno que dea a coñecer publicamente:

-Se se vai aproveitar o estudo de usos elaborado previamente.

-Se hai previsión de executar a reforma integral do edificio.

-Se se vai presentar solicitude para a subvención dos Mercados Excelentes.

-Se se vai proceder á nova licitación dos postos actualmente baleiros.

“Non se entende que se deixen pasar oportunidades coma esta se xa fixemos boa parte do traballo. O que falta agora é vontade política e transparencia”, sinala Bermúdez.

Souto da Retorta: case un ano pechado sen solucións visibles

A portavoz nacionalista lembra que o pasado 23 de abril, como tenenta de alcaldesa e responsable da área de Medio Ambiente, trasladou á consellería a necesidade urxente de actuacións no Souto da Retorta, espazo declarado Monumento Natural. Entre os problemas identificados figuraban a falta de desbroce, o mal estado das árbores, a deterioración do camiño, a sucidade no río e o abandono do mobiliario.

A Xunta respondeu en xuño que ía realizar por fin o mantemento. Desde aquela data, o acceso ao espazo está pechado, sen que últimamente se vexan operarios a traballar na zona, pero seguen chegando visitantes sen que se garanta a súa seguridade.

O BNG pide:

-Información sobre o estado actual das actuacións.

-Data estimada de reapertura ao público.

-Medidas para evitar o acceso durante as obras, por seguridade.

-Axilidade nos traballos para evitar que o peche supere o ano.

Contrato enerxético: un proceso que non pode quedar paralizado

Desde o BNG tamén se lembra que durante o anterior mandato se iniciou o procedemento para contratar unha Empresa de Servizos Enerxéticos (ESE) que modernice o alumeado exterior e os sistemas de iluminación e calefacción nos edificios municipais, co obxectivo de reducir os custes enerxéticos do Concello.

O proceso incluíu:

-A realización dunha auditoría enerxética das instalacións municipais.

-O deseño do modelo de contrato e o estudo de viabilidade económica.

-O envío de solicitude a cinco empresas para a presentación da estrutura de custos.

O BNG solicita ao goberno actual:

-Información actualizada sobre o estado do procedemento.

-Previsións para a súa remisión ao departamento de contratación.

-Compromiso para levalo á Mesa de Contratación canto antes.

“Non é aceptable que este proceso leve meses bloqueado cando temos os estudos feitos e as propostas enriba da mesa. A eficiencia enerxética non pode esperar”, conclúe a portavoz do BNG.

Exit mobile version