O pleno provincial aprobou a iniciativa do BNG unha proposta de apoio á manifestación pola lingua de Queremos Galego o vindeiro 17 de maio
A circular emitida este mes de abril, e denunciada pola CIG, sindicato maioritario na educación, enterra definitivamente o anuncio de melloras nas condicións laborais e na calidade do sistema educativo en relación coas ratios e ao burocracia ao permitir acadar ratios de 25 estudantes nas aulas de 6 de Educación Infantil – nas que según o calendario establecido pola Xunta se debería estar aplicando a redución a 20 estudantes – e en Primaria.
“En resumidas contas e seguindo as instrucións que ven de facer públicas a consellería de Educación recentemente que permite acadar ratios de 25 alumnos nas aulas de 6º de Infantil e de Educación Primaria, as ratios son as que lle dea a gana á Xunta de Galicia”, denunciou Daniel García, quen enumerou tamén diferentes incumprimentos relacionados coa redución de burocracia e condicións laborais do profesorado.
“Se estivesemos diante dunha medida seria e rigorosa en materia educativa, a obriga da administración competente sería ben nítida: dispoñer dos recursos de dotación de prazas escolares para poder facer realidade a redución de alumnado por aula”, sinalou o deputado, que lembrou outras medidas en contra da educación pública por parte do Partido Popular na Xunta, como “as portas abertas que tenderon á universidade privada antes de rematar o anterior mandato na Xunta” ou o intento de “decapitar o ano pasado o Campus Terra da USC en Lugo, usando igualmente os ratios como arma”.
O debate deuse durante o debate dunha moción presentada polo BNG para pedir á Consellería de Educación que “reduza o calendario de aplicación da redución de ratios e facelo xa en todas as ensinanzas, fixando para as novas ratios con carácter legal a mesma validez que as ratios actualmente vixentes”.
A moción, aprobada cos votos de nacionalista e socialistas, malia a oposición do PP, tamén insta á Conselleria a recuperar o horario lectivo de 18 horas en secundaria e de 21 en primaria e reducir de forma efectiva e inmediata a burocracia que soporta o profesorado.
Apoio á manifestación pola lingua de Queremos Galego
O pleno tamén aprobou, a iniciativa do BNG e cos votos do goberno provincial, unha proposta de apoio á mobilización convocada pola Plataforma Queremos Galego para o vindeiro día 17 de maio de 2025 en Santiago de Compostela baixo o chamamento “¡Lingua viva xa! Paremos a emerxencia lingüística!”.
Na defensa da proposta, a deputada Iria Castro defendeu o dereito a falar e coñecer o galego e reivindicou o potencial das industriais culturais que medran arredor do galego como a do libro, a musical ou a audiovisual.
A proposta tamén amosa o respaldo do goberno provincial ao “Proceso Lingua Vital”, impulsado pola Plataforma Queremos Galego, que pretende avaliar o cumprimento dos acordos nacionais xa tomados sobre a lingua galega e os obstáculos que impediron aplicar ditas medidas, tanto do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, como da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas”.