Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclama ao Goberno “dar marcha atrás” e manter os caixeiros multitarxeta no rural da Galiza

Carme da Silva defende manter esta medida, coherente co discurso do reto demográfico, e ampliala a outras zonas rurais que carezan a día de hoxe deste servizo

Madrid, 26 de abril de 2025. O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar ao Goberno do Estado que rectifique con urxencia a súa decisión de retirar os caixeiros multitarxeta instalados por Correos no rural galego e garanta a continuidade e ampliación deste servizo esencial. A senadora do BNG, Carme da Silva, rexistra unha batería de iniciativas na cámara alta co obxectivo de frear a supresión destes dispositivos e instar á súa restitución inmediata nas localidades afectadas.

“O Goberno debe dar marcha atrás e manter estes caixeiros no rural galego. Non se pode falar de fixar poboación se ao mesmo tempo se eliminan servizos básicos como o acceso ao diñeiro en efectivo” advirte a senadora do BNG, Carme da Silva.

Os caixeiros, que comezaron a instalarse en 2022 en municipios como Samos (Lugo), Cenlle e Cortegada (Ourense), foron promovidos como unha ferramenta para loitar contra a exclusión financeira e dar resposta ao despoboamento. Porén, a súa retirada recente, sen aviso previo e sen alternativas, deixa novamente á veciñanza en situación de desamparo, especialmente ás persoas maiores que dependen destes dispositivos para realizar operacións básicas.

O BNG considera esta decisión como “un retroceso gravísimo” nas políticas públicas para o rural e unha mostra da desconexión do Goberno coas necesidades reais da poboación galega.
Ante esta situación, Carme da Silva exixe ao Goberno do Estado “paralizar de forma inmediata a retirada de caixeiros, así como a reposición dos dispositivos xa retirados en Cenlle, Cortegada e Samos”. Neste sentido, a senado do BNG sinala que manter e desenvolver este tipo de medidas, diminúe as zonas afectadas pola exclusión financeira e insta o executivo a revisar o plan estatal contra o despoboamento para que se introduzan “medidas reais e eficaces como a instalación e mantemento de caixeiros no rural”.

“Non se poden soster discursos de loita contra o despoboamento e eliminar medidas que son beneficiosas para esas zonas do rural que sofren de maior illamento. O Goberno debe actuar con coherencia e poñer fin a esta deriva” sinala a senadora do BNG.

O Bloque alerta de que a eliminación destes caixeiros supón un agravamento da exclusión financeira, un problema xa denunciado en múltiples ocasións pola formación nacionalista, que lembra que a concentración bancaria e a desaparición de oficinas no rural deixaron a milleiros de persoas sen acceso físico ao sistema bancario.

Exit mobile version