Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno municipal de Foz Responde ás críticas do PP polas actuacións do Concello en varias rúas e considera que “a oposición debería reconsiderar a súa posición destrutiva”

Foz, 30 de abril de 2025. O goberno municipal de Foz considera que “a oposición debería reconsiderar a súa posición destrutiva”. Responde así ás críticas do PP polas actuacións do Concello en varias rúas da vila.
A primeira tenente de alcalde e voceira do goberno municipal, Inés López Couto, saíu ao paso das críticas do líder da oposición, o popular Javier Jorge Castiñeira, sobre as obras de mellora que está a facer o Concello en distintas rúas: “estamos a falar dun investimento para este 2025 de máis de 1,24 millóns de euros, con obras de calado, a maior parte delas no casco urbano. Parece que ao voceiro do PP lle molesta que se fagan obras e que Foz mellore”.

A tenente de alcalde marca distancias entre a forma de traballar deste goberno e o goberno popular: “cando Castiñeira fala dos cambios unilaterais de Cajoto esquécese que el participou na redacción dun Plan de Mobilidade que promoveu este goberno. Un plan que define as melloras que se están a facer, sempre de forma planificada e no que aportaron todos os partidos políticos, a policía local, o asociacionismo e incluso particulares. Curiosamente quen si fixo cambios unilaterais foi Castiñeira, dispoñendo sen ningún tipo de informe nin consulta previa as rúas Álvaro Cunqueiro e Avenida da Mariña na mesma dirección, sobrecargando de tráfico unha rúa que non estaba preparada, como era a rúa do Pilar, e provocando atascos de máis de 45 minutos na saída cara a Ribadeo. Resultaba unha odisea chegar desde a glorieta de Vilalba ao cruce da Fonte da Cruz no mandato do PP”.

Inés López Couto engade: “Castiñeira fala da rúa Corporacións. Eu pódolle falar tamén de Trapero Pardo, Paseo de Colón, Mijail Gorbachov, Alfredo Brañas, rúa de Cervo, Alfonso X, rúa de Sarria, Atalaia ou Eduardo Pondal. A reconfiguración de tráfico vai a supoñer unha mellora notable, mantendo ou aumentando os estacionamentos nas distintas rúas e resultando unha circulación moito máis segura. Ao final das obras imos poder acceder ao centro desde a Rapadoira pasando por rúa de Sarria, Uxío Novoneyra, Atalaia, Cervo, Alfonso X e Eduardo Pondal dunha forma moito máis áxil que agora. Imos ter varias alternativas e Foz poderá avanzar, facendo unha circulación máis cómoda, por rúas co firme renovado. Non creemos que sexa viable reducir os estacionamentos á metade en Corporacións, como defendeu o BNG no pleno, cando estamos a falar dunha rúa en crecemento. As obras hai que rematalas e creo que temos un exemplo de traballo ben feito na rúa Costa do Castro e no paso pola residencia e a Rúa Fiallega; onde antes había dúas curvas máis que perigosas agora hai un camiño seguro para coches e peóns”.

A primeira tenente de alcalde comenta tamén: “non imos permitir que Castiñeira minta porque nós si planificamos e estamos abertos ás aportacións que calquera veciño nos queira achegar, tendo en conta as limitacións técnicas porque todos sabemos dos anchos e das características das rúas de Foz”.

Finalmente López Couto pídelle a Castiñeira que “arrime o ombro, que traía investimentos da Xunta, que poidamos asinar convenios para que Foz mellore. Ou, cando menos, que a Consellería de Política Social aporte os máis de 700.000 euros anuais que adebeda a este Concello”.

Exit mobile version