Site icon Crónica3.com A Mariña

O ‘Peixe de Burela’ saboréase estes días no ‘Salón Gourmets’ de Madrid

Este martes celébrase o «Merluza del Pincho Challenge by Xunta de Galicia Consellería do Mar» para elexir a mellor receita de España de pescada do pincho con pezas de Merluza D& Burela

Burela, 8 de abril, 2025. Esta semana celébrase en Madrid a 38 edición do “Salón Gourmets”, o escaparate anual máis importante de alimentos e bebidas de alta gama, e os produtos estrela da lonxa de Burela son protagonistas en diferentes actos do certame.

O programa de catas e degustacións dos produtos do Mar de Galicia “Galicia Sabe Amar” abriu a súa xornada inaugural con senllos showcooking elaborados cos produtos estrela da lonxa de Burela: “Merluza D& Burela” e “Bonito D& Burela”.

O stand da Consellería do Mar da Xunta de Galicia acolleu este luns ao mediodía un showcooking no que a chef Emma Pinal (Gastrobar O Birrán, Ribadavia-Ourense) preparou as súas receitas de “Peixe de Burela” coa maridaxe dos Viños D.Ou. Rías Baixas e en colaboración coa OPP Porto de Burela e Armadores de Burela: “Pescada do pincho de Burela en salsa holandesa con alga codium” e “Tartar de Bonito de Burela con salmorejo asado”.

Campionato Merluza do Pincho Challenge

Dentro das actividades deste martes destaca o « Merluza do Pincho Challenge, by Xunta de Galicia Consellería do Mar», que, a partir das 15:30, buscará a mellor receita de pescada do pincho de España entre 6 chefs candidatos, que elaborarán as súas receitas con pezas de Merluza D& Burela, capturadas con anzol, unha a unha, para conseguir un sabor e unha calidade únicos.

Enche a túa Mesa de Mar – Grandes Descoñecidos

E este mércores, OPP Burela tamén estará presente noutra das actividades do programa “Enche a túa Mesa de Mar” no Espazo Gastronómico Alimentos de España.

Da man de Pesca España, ofrecerá pezas de caella das súas frotas de palangre de superficie nunha nova edición de “Grandes Descoñecidos”, para poñer en valor especies de baixo valor comercial e promover o seu consumo representando unha opción deliciosa e saudable.

O famoso “chef del mar” Ángel León e a súa tripulación do resturante Aponiente serán os encargados da elaboración das receitas con caella e de explicar como fixeron do aproveitamento a súa bandeira.

Todas estas accións están cofinanciadas por Xunta de Galicia e FEMPA, incluídas no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.

Exit mobile version