Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP insta á Deputación a iniciar de inmediato o desbroce das estradas provinciais, sobre todo de aquelas que dan acceso ás principais zonas turísticas

Antonio Ameijide defende que a Deputación ten que iniciar de inmediato a posta a punto das principais zonas turísticas da provincia de cara á campaña de verán con medidas como a posta a punto dos elementos patrimoniais e naturais da Deputación, así como o mantemento e arranxo das estradas provinciais, desbroce das marxes das estradas priorizando aquelas con maior volume de tráfico e as que dan acceso a puntos de interese turístico

Lugo, 30 de abril de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular esixen a PSOE e BNG que “cumpran” cos seus cometidos e inicien de inmediato o desbroce das estradas provinciais, especialmente daquelas que dan acceso a praias e zonas de interese turístico, para que “non ocorra como o ano pasado que en pleno mes de outubro aínda se estaban a realizar desbroces”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, recorda casos como o de Pantón que en outubro aínda tiña as estradas provinciais sen limpar de maleza. Neste senso, pide “máis humildade” a Tomé que durante o pleno de onte asegurou que “coma sempre os desbroces están previstos” ao que engadiu “non sei que ten mal a Deputación”.

Antonio Ameijide explica que “o verán pasado os desbroces ás estradas provinciais chegaron mal e tarde” recordando como nas estradas que dan acceso ás praias da Mariña comezaron a realizarse coa temporada xa iniciada e os turistas nos areais, mentres que en zonas de Ribeira Sacra non se limpou a maleza “ata unha vez rematada a campaña de verán”.

A realidade é que o turismo é un dos motores económicos da provincia e co inicio da temporada alta é previsible que aumente o volume de visitantes aos distintos puntos de interese turístico da provincia como, por exemplo, as praias da Mariña ou a Ribeira Sacra, entre outros, polo que “é fundamental garantir o acceso a estes recursos en condicións de seguridade non só para o impulso do sector, senón tamén para tódolos usuarios das vías da rede provincial nos distintos municipios da provincial”.

Por este motivo, os deputados populares defenden que a Deputación de Lugo ten que iniciar de inmediato un plan de posta a punto das principais zonas turísticas nos distintos municipios da provincia de cara á campaña de verán que inclúa, entre outras medidas, a posta a punto dos elementos patrimoniais e naturais da Deputación Provincial de Lugo, así como tarefas de mantemento e arranxo das estradas provinciais, labores de desbroce das marxes de tódalas estradas da provincia priorizando aquelas con maior volume de tráfico e as que dan acceso a puntos de interese turístico.

Exit mobile version