Os populares insisten en pedir “máis diálogo” nos asuntos importantes do municipio toda vez que “o goberno do BNG se atopa en minoría”
Os concelleiros do Partido Popular defenden que “podemos aportar ideas para asuntos importantes para os veciños e veciñas” e, ademais, cren que “o alcalde ten que dar explicacións sobre a súa xestión, dialogar e buscar puntos de acordo co resto dos grupos” toda vez que “o goberno do BNG se atopa en minoría”.
Polo tanto, solicitan formalmente que “o alcalde poña data, canto antes, a unha reunión co Grupo Municipal Popular para abordar, entre outros temas, ideas para impulsar as feiras e eventos anuais que se celebran no noso municipio” como a Feira do Poldro, a Feira do Mel ou a Romaxe Artesá que “precisan un xiro importante”.
Tamén urxen que o goberno local abone as axudas municipais a tódalas asociacións do concello, “incluíndo as sociedades de cazadores e a ANPA”, segundo puntualizan.
Os populares xa pediran no Pleno anterior que “o alcalde dea máis explicacións no que queda de mandato. O que pedimos é máis diálogo”, aclaran os concelleiros que pretenden “defender e apoiar aos nosos veciños e veciñas”.
Nese sentido, teñen anunciado a súa proposta para absterse na votación sobre o pago de facturas a provedores. “É a fórmula para favorecer que os autónomos e pequenas empresas cobren polo seu traballo”, explican.
Con todo, aclaran que “non podemos votar a favor” porque “non compartimos a mala xestión económica do alcalde nacionalista”. Algunhas das irregularidades das que teñen advertido en varias ocasións son: facturas que se corresponden con “servizos encargos a dedo” cando se deberían “sacar a concurso público” como recolle a Lei de Contratos do Sector Público ou o fraccionamento de facturas. No caso do pago polo inventario de bens municipais, a proposta do goberno foi “fraccionalo en tres facturas” cando “a Administración non pode fragmentar facturas por un mesmo traballo”.
A portavoz, Eugenia Requeijo, explica que “se acumulan facturas sen pagar” porque o goberno local “non tiña previsto partidas orzamentarias para estes gastos. Se tivera ben deseñado o orzamento e aprobado tódolos anos este instrumento básico para a xestión económica de calquera Concello, disporía de partidas orzamentarias suficientes para pagar as facturas”.