Site icon Crónica3.com A Mariña

O PPdeG destaca que máis de 320 autónomos da provincia de Lugo xa se beneficiaron esta ano das axudas á promoción do emprego

Os interesados poden optar por dos tipos de axuda: ben para o inicio da actividade económica e o mantemento do emprego, ou para o equivalente a 12 meses da cota reducida á Seguridade Social

Lugo, 26 de abril de 2025. Os deputados do Grupo Popular Raquel Arias e José Manuel Mato destacaron hoxe en Paradela que máis de 320 autónomos da provincia de Lugo xa se beneficiaron este ano das axudas da Xunta á promoción do emprego.

Nunha visita á Lavandería Lavar e Lecer aberta no polígono industrial de Paradela, Raquel Arias e José Manuel Mato indicaron que este establecemento ten solicitado este ano as axudas da Xunta para a promoción do emprego autónomo, co obxectivo de mellorar a atención ao seus clientes, principalmente establecementos turísticos da comarca de Sarria. Estas subvencións da Administración galega xa beneficiaron durante 2024 a sete autónomos deste concello lucense, que se repartiron case 35.000 euros.

A nivel provincial, e tamén durante o pasado ano, estas axudas da Xunta chegaron a 1.949 autónomos, entre os que se repartiron máis de cinco millóns de euros. Polo que respecta ao presente 2025, xa se concederon máis de 300 axudas, por un importe total superior aos seis millóns de euros.

FACER FRONTE AOS PRIMEIROS GASTOS

Os deputados populares lembran que estas axudas están dirixidas a aquelas persoas desempregadas que inicien a súa actividade empresarial ou profesional como traballadoras autónomas por conta propia, co obxectivo de facer fronte aos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.

En concreto, os interesados poden optar por dos tipos de axuda: unha primeira, para o inicio da actividade económica e o mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e unha segunda opción equivalente a 12 meses da cota reducida á Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais.

As solicitantes deben atoparse en alta no imposto de actividades económicas e ter iniciada a actividade con anterioridade á data de solicitude de subvención, ter domicilio fiscal en Galicia e desenvolver a actividade empresarial ou profesional na Comunidade galega.

Exit mobile version