Site icon Crónica3.com A Mariña

O Vencello apoia ao colectivo “En defensa dos pacientes da Mariña”

Burela, 28 de abril de 2025.- Dende a asociación de veciños o Vencello queremos amosar o noso apoio ao colectivo En Defensa dos Pacientes da Mariña, organizadores das concentracións que se están a celebrar diariamente diante do Hospital Público da Mariña para reclamar que o Servizo Galego de Saúde poña os medios necesarios para reverter a precariedade laboral, a sobrecarga asistencial, a carencia de profesionais e as plantillas minguadas na Sanidade na nosa comarca.

A complexa situación que enfronta a sanidade pública na Mariña, tanto en atención primaria como hospitalaria, derivada da falta de profesionais, está provocando a derivación continua de pacientes a Lugo, tanto ó HULA como a centros concertados, coas conseguintes molestias persoais e gastos económicos que isto implica para doentes e familiares, pero tamén -e o que aínda máis grave- o atraso nos diagnósticos de patoloxías nas que en moitos casos o tempo é clave para afrontalas con garantías.

Esta situación leva agravándose paulatinamente dende a supresión da Área Sanitaria da Mariña. Ano tras ano imos vendo como o Hospital Comarcal vai esmorecendo pouco a pouco. A pesares de dispoñer de camas nel, os profesionais sanitarios vense na obriga de ingresar pacientes en Lugo por falta de facultativos que atendan nas súas instalacións.

Ademais, moitas das súas consultas están reducidas ou pechadas, polo que o número de pacientes en lista de espera medra e xera a imposibilidade de facer un seguimento das súas patoloxías; o que acaba derivando en ingresos pola falta de citas nas consultas externas.
Por todo iso reiteramos a nosa solidariedade cos profesionais sanitarios da comarca e convidamos a todos os veciños e veciñas a participar nestas concentracións como mostra de apoio por unha sanidade pública de calidade e de proximidade na Mariña e para A Mariña.

Exit mobile version