O conselleiro do Mar pregoou a XXII Festa do Berberecho de Foz
Con esta reflexión, o responsable autonómico pregoou a XXIII edición da Festa do Berberecho, organizada polo Concello de Foz, en colaboración coa Xunta, o IES, ACIA e Sanbet Axencia, e onde puxo o foco na importancia de incentivar o consumo de peixe e marisco pois, no caso do molusco bivalvo exaltado hoxe, contén propiedades antioxidantes, cunha variedade de vitaminas do grupo B e minerais, ademais de ácidos graxos omega-3, beneficiosos para a saúde cardiovascular e cerebral e un baixo contido calórico.
Apoio aos traballadores do mar
Villares expresou a súa gratitude por oficiar o pregón desta cita gastronómica consolidada, xa que contribúe a por en valor o labor dos traballadores do mar, un colectivo co que a Administración autonómica traballa man a man buscando a mellor defensa dos seus intereses, e que aposta pola pesca sostible, superando retos como o cambio climático ou a competencia globalizada.
Pero tamén representa a unha actividade artesanal á que se unen novas técnicas de semente para garantir a sustentabilidade do recurso e loitar contra as mareas vermellas ou os parásitos, e novos métodos de repoboación apoiados pola investigación científica para mitigar os seus efectos adversos e preservar as poboacións e os seus medios naturais.
Epicentro gastronómico
O pregón de Alfonso Villares foi un dos atractivos do amplo programa deste festexo que, grazas á colaboración público-privada, converte a Foz durante esta fin de semana no epicentro da gastronomía do mar galego. E é que esta ría foi durante décadas a principal produtora de berberecho do país.