A concelleira de Promoción Económica, Marta Saiz, dixo que “este sábado arrinca unha das citas máis agardadas da primavera no noso concello, o Ribadeo de Tapeo. Por diante teremos dez días para saborear todas as propostas doces e salgadas que poderemos atopar nos 21 establecementos participantes”.
A edil ribadense subliñou que “as tapas, que terán un prezo de 3 euros, serviranse durante un período de 4 horas ao día, que pode ser a mediodía, pola tarde ou unha combinación de ambas posibilidades, dando así a opción a todos os establecementos de hostalería e restauración a poder participar independentemente das súas condicións e posibilidades. Un xurado profesional elixirá as catro tapas gañadoras e haberá, como ven sendo habitual, a tapa do público, que será a máis votada pola clientela dos locais participantes no XVIII Ribadeo de Tapeo”.
Os establecementos que se dan cita no Ribadeo de Tapeo 2025 son: Barallocas, Cayo Coco, Ramonita, Rosa Lar, Parador de Ribadeo, Galicia, El Oviedo, Kalpa Amodiño, Mesón D’ Cata, Marinero, La Bugalla, Mareta, La Flor de Jose, La Quinta, O Indiano, Fumarel, El Rincón del Gordo, Araucaria, Copacabana, O Furancho no Camiño e Voar.
Saiz contou que “o pasado martes xa tivo lugar o asesoramento en todos aqueles locais que o solicitaron da man do cociñeiro Álvaro Villasante, membro do Grupo Nove, e que conta cunha ampla traxectoria e recoñecementos profesionais”.
E engadiu que “nesta edición dividimos o Ribadeo de Tapeo en tres zonas: A Larpeira, A A Lambereteira e A Lambisqueira. O público poderá elixir, coma sempre, a súa tapa favorita. Poderá facelo votando co seu teléfono móbil a través da aplicación Ribadeo de Tapeo despois de escanear o código QR que atopará en cada local ou cubrindo o cartón correspondente que despois depositarán nas urnas habilitadas para este fin en cada local. Para poder votar será preciso degustar un mínimo de 5 tapas dunha mesma zona. Entre todas as persoas que o fagan sortearanse, coma sempre, interesantes agasallos: almorzos, tapeos, estoxos de vermú e de viño… Tamén teremos o premio larpeiro de ouro, que será aquel que complete a ruta do tapeo nos 21 locais participantes e haberá premios exclusivos para as votacións rexistradas a través da aplicación móbil, que consistirán en 5 premios de 50 euros e ademais contaremos con premios para os máis pequerrechiños da casa: a ruta Picariño Lambón, na que os nenos e nenas de ata doce anos poderán optar a dous lotes de libros”.
A concelleira de Promoción Económica, Marta Saiz, anima “a ribadenses, ás veciñas e veciños da contorna e aos visitantes a saborear as propostas gastronómicas que atoparán no Ribadeo de Tapeo do 10 ao 18 de maio”.