Site icon Crónica3.com A Mariña

82 equipos procedentes de nove países participarán esta fin de semana en Ribadeo no XIX Torneo Internacional de Fútbol de Veteranos

Ribadeo, 22 de maio de 2025. Os días 24 e 25 de maio terá lugar o XIX Torneo Internacional de Fútbol de Veteranos Vila de Ribadeo, que organiza a Asociación de Veteranos do Ribadeo FC. O evento foi presentado hoxe.

66 equipos participarán na categoría de +35 e 16 na de +45. Os clubs que se desprazarán ata Ribadeo proceden de México, Arxentina, Portugal, Irlanda, Francia, Bangladesh, Italia, República Checa e España (9 comunidades autónomas).

Os organizadores estiman que entre todos os equipos desprazarán a Ribadeo a máis de 2.500 persoas, das que arredor de 1.650 son xogadores e o resto acompañantes: “a maioría dos equipos estarán en Ribadeo desde mañá ata o vindeiro luns, pero xa contamos con algún equipo na vila desde o martes, que aproveitan para coñecer os campos de fútbol nos que van xogar e para facer turismo pola zona”.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, declarou: “por parte do Concello apoiamos en todo o que podemos este importante evento deportivo e agradecemos moito o esforzo que fai a Asociación de Veteranos do Ribadeo FC. O Torneo encherá de xente a nosa vila esta fin de semana de maio así como outros concellos da zona porque van competir en diferentes instalacións de distintos municipios galegos e asturianos. Agardamos que lles guste moito Ribadeo e que se convertan nos mellores embaixadores posibles do noso concello”.

A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, manifestou: “desde Acisa Ribadeo estamos encantados de colaborar, un ano máis, con este torneo internacional, que organiza a Asociación de Veteranos do Ribadeo FC. Agardamos que os 82 equipos participantes e os seus acompañantes disfruten da súa estadía entre nós. É unha fin de semana moi importante pola dinamización económica que implica esta cita para os hoteis, bares e restaurantes e tamén o será para o comercio. A unión de deporte e turismo é moi importante para Ribadeo e o seu tecido empresarial”.

Desde a asociación de veteranos do Ribadeo FC o seu presidente, Juan Rodríguez Peceux, subliñou que “desde a organización só nos queda agradecer a todos aqueles que fan posible que este torneo siga crecendo e que ano tras ano poidamos encher Ribadeo e os municipios limítrofes. Quero desexarlles a todos os participantes que se divirtan e que aproveiten para coñecer moito a zona na que van estar”.
No acto de presentación participaron tamén o alcalde, Dani Vega, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o xerente de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez; e o técnico municipal de Deportes, Iván López.

Exit mobile version