Cada mércores, alumnado e monitoras percorren a pé o traxecto aos centros educativos con alta participación e apoio das familias
A iniciativa, que arrancou en abril, contou tamén coa implicación dos institutos e tivo unha excelente resposta nos primeiros días de implementación. Segundo sinalan desde o Concello, o balance é moi positivo, e a participación continúa aumentando semana tras semana.
“A resposta da comunidade educativa foi marabillosa. Este tipo de accións demostran que pequenos cambios poden transformar os hábitos diarios e mellorar a saúde da nosa rapazada”, destacou a alcaldesa Carmela López, quen agradeceu a implicación dos centros e das familias.
“Queremos consolidar este movemento como parte da vida diaria de Burela, e dende o Concello seguiremos traballando para facer da mobilidade sostible unha prioridade real”, afirmou.
“Eu, a pé ao cole” busca recuperar a rutina de camiñar ao centro educativo como medida beneficiosa para a saúde física e emocional da infancia e adolescencia, ao tempo que contribúe a reducir o tráfico e a contaminación no entorno urbano.
A campaña está enmarcada na estratexia municipal de promoción da saúde pública, a educación en valores e a loita contra o sedentarismo infantil, ademais de contribuír a reducir o tráfico e a contaminación nos arredores escolares.