Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG reclama á dirección do Hospital da Mariña máis rehabilitación e fisioterapia

Burela 26 de maio 2025. CIG Saúde A Mariña demenda un servizo de fisioterapia e rehabilitación de calidade, de proximidade e 100% público na Mariña.

Habilitar fisioterapia de tarde nos Centros de Saúde de Ribadeo e Mondoñedo, pechados e infrautilizados en quenda de tarde.

Habilitar fisioterapia no Centro de Saúde de Burela, único Centro de Saúde da Mariña sen ese servizo e prestación.Esta carencia coloca nunha situación de desigualdade as/os pacientes de Burela respecto doutros Concellos, xa que as e os médicos de familia de Burela non poden prescribir rehabilitación nos casos que establecen os protocolos SERGAS, coma nos outros Centros de Saúde. Este feito provoca a saturación do servizo de rehabilitación do Hospital da Mariña ao ser o centro de referencia para as veciñas e veciños de Burela.

Dotar o Centro de Saúde de Foz con 2 fisioterapeutas máis como mínimo, polas altas listas de agarda, algunhas persoas agardando dende 2023, chegando mal e tarde para unha correcta rehabilitación, e para dar asistencia á poboación de Burela de non ser posíbel unha solución inmediata para a veciñanza deste Concello.

Ampliación do servizo de rehabilitación do Hospital da Mariña e renovación/dotación de aparellos obsoletos.

Fisioterapia do chan pélvico no Hospital da Mariña: a fisioterapia uroxinecológica é unha rama da fisioterapia que ten como obxectivo poder valorar, tratar, mellorar e previr as alteracións que poidan producirse na zona do chan pélvico, tanto en homes como en mulleres. Actualmente inexistente e sen atención sanitaria pública na nosa comarca.

Fisioterapia respiratoria infantil: A fisioterapia respiratoria é unha rama da fisioterapia que trata os síntomas das enfermidades respiratorias, tan comúns entre os nenos pequenos”, explican dende CIG Saúde A Mariña. Unha prestación sanitaria que non é ofertada na comarca, obrigando as crianzas e familias a derivarse a Lugo, “o que supón un gasto sanitario a maiores que teremos que asumir dos nosos petos polo simple feito de elixir vivir na Mariña”, afirman.

2 médicos/as rehabilitadores no Hospital da Mariña

Recursos humanos necesarios:

1. 4-5 fisioterapeutas como mínimo.
2. 1 médico/a rehabilitador/a máis, actualmente temos 1 médica rehabilitadora, e en situación de incapacidade laboral transitoria, que é cuberta insuficientemente co desprazamento dende Lugo de profesionais uns poucos días á semana , algo que só é un parche pero non a solución.
3. 1 Terapeuta ocupacional: para maximizar a función e a independencia nas habilidades da vida diaria . O tratamento pode incluír actividades para mellorar a función de brazos e mans, a visión, a cognición, a reinserción social ou a mobilidade.
4. 1 Logopeda: para mellorar as habilidades comunicativas, lingüísticas e de deglución de persoas con diversas condicións neurolóxicas ou trastornos da comunicación.

OBXECTIVO: Evitar as derivacións a hospitais privados ou a centros privados/concertados de Viveiro, Foz e Ribadeo, diminuíndo así as listas de agarda, prestando un servizo 100% público de calidade e de proximidade.

“Deste modo obteriamos un dobre obxectivo: crear emprego de calidade na comarca e prestar un servizo de rehabilitación e fisioterapia 100% público e de calidade”, afirman.

“Agardamos que quen dirixe a nosa sanidade tome as medidas necesarias para resolver a situación actual, nós estaremos vixiantes para que así sexa”, conclúen.

Exit mobile version