Site icon Crónica3.com A Mariña

A conselleria do Mar explora xunto coa Universidade novas liñas de colaboracion científica

Alfonso Villares realizou un percorrido polas instalacións onde puido coñecer o laboratorio de habilidades clínicas, os diferentes equipos de investigación, a sala de necropsias, a aula de realidade virtual e o hospital veterinario

Lugo, 27 de maio de 2025.- A Xunta continúa traballando coa facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela en Lugo para afondar na colaboración en ámbitos científicos como a formación e investigación relativa á sanidade mariña. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo un encontro cos responsables do centro académico para estudar distintas propostas como o impulso de conferencias e seminarios, o reforzo da docencia práctica así como o desenvolvemento de accións de divulgación sobre o traballo científico desta facultade sobre ámbito mariño.

O responsable autonómico, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, destacou o prestixio da formación impartida por esta facultade que conta co Selo e grao de excelencia autonómico polo que resulta un aliado moi atractivo para a realización de novas iniciativas relacionadas coa sanidade dos recursos pesqueiros. Nesta liña, destacou que os futuros profesionais de veterinaria que se forman aquí están chamados a ter un papel moi relevante no sector do mar da comunidade, esencial á hora de garantir a imprescindible soberanía alimentaria.

Alfonso Villares aproveitou a súa presenza para realizar un percorrido polas instalacións onde puido coñecer o laboratorio de habilidades clínicas, o traballo que desenvolven os diferentes equipos de investigación, a sala de necropsias, a aula de realidade virtual e o hospital veterinario. Uns equipos punteiros que sitúan a esta facultade á vangarda e que reforzan a posición de Galicia como referente complementado o traballo que realizan outros de investigación mariña autonómicos.

O responsable autonómico compartiu co persoal docente a importancia da dieta atlántica como fonte de saúde e benestar e puxo en valor a súa baixa pegada de carbono polo que non só contribúe ao benestar da cidadanía senón tamén do medio ambiente. Por outra banda sinalou a necesidade de explorar iniciativas para avanzar na capacitación na investigación no campo da seguridade alimentaria así como abordar dun xeito transversal a educación nutricional en centros escolares ou hospitais, valorizando as calidades dos produtos pesqueiro no marco de dita dieta atlántica.

Seguridade alimentaria

A facultade de Veterinaria de Lugo colabora co servizo de Inspección e Control dos Recursos da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia, que conta cunha vintena de veterinarios en activo, na actividade de inspección deste departamento autonómico que conta entre os seus obxectivos o de velar pola seguridade alimentaria dos consumidores. Un traballo conxunto que poderíase estender a outros departamentos como o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) no ámbito da investigación e control de toxinas mariñas.

Exit mobile version