O Deputado de Promoción Económica e Social participou este venres na clausura do foro O encontro de Sober: diálogos rural-industria, que se celebrou no Palacio soberino polo Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA)
Durante o acto de clausura, Pablo Rivera destacou que dende a Deputación comparten o enfoque deste foro, “porque apostamos por un rural con futuro, que poida competir, crecer e ofrecer oportunidades reais á súa xente”. Ademais referiuse á necesidade de que Galicia conte cun plan industrial sólido, “que mire ao conxunto do territorio e impulse as cabeceiras de comarca como polos tractores da economía, e que aposte pola creación de emprego de calidade”, aseverou.
“A industrialización do rural non é unha utopía. É unha posibilidade real, e tamén unha necesidade. Temos sectores potentes, recursos singulares e xente preparada. Só falta unha folla de ruta que conecte as capacidades do territorio cun modelo produtivo sostible”, aseverou.
Para rematar, o Deputado puxo en valor neste foro “as ideas que nacen no rural e teñen impacto global”. Engadiu que “o rural non é só memoria: é capacidade, iniciativa, presente e futuro”, e subliñou que nesta liña está o compromiso da Deputación.