Site icon Crónica3.com A Mariña

A FCAM achegou o seu traballo ao empresariado da Mariña

A Mariña, 15 de maio de 2025. A FCAM achegou o seu traballo ao empresariado da Mariña. Foi na xornada de divulgación celebrada na tarde de onte no Cenima, en Foz.

A presidenta e o tesoureiro da FCAM, Carmen Cruzado e José Carlos Paleo, xunto á asesora Beatriz Irigoyen, lembraron os inicios da asociación creada no ano 2013 e o traballo desenvolvido ao longo destes doce anos: sorteos para o comercio, xornadas gastronómicas e de promoción turística traendo a xornalistas de Madrid, Asturias e outros puntos de Galicia a esta zona, presenza en feiras como Bilbao ou Valladolid ou a preocupación por asuntos de interese para A Mariña como as comunicacións e o transporte, o aluguer de vivenda, as dificultades á hora de atopar persoal para a súa incorporación inmediata a diferentes sectores, o emprendemento, a situación de Alcoa e o futuro laboral nesta comarca, que durante este curso tivo presenza en centros de FP e institutos da Mariña.

A directiva da FCAM traballa na actualidade en novos proxectos: “queremos levar novas actividades a diferentes municipios da Mariña de cara ao outono e á vindeira primavera. Estamos traballando na súa organización, así como en novas charlas e foros”, sinalan desde A Mariña Federación.

A FCAM agradece “a asistencia á xornada de divulgación que tivemos onte, ao empresariado, e sobre todo á Mancomunidade de Concellos da Mariña. Agardamos sumar entre todas e todos experiencia, traballo e esforzo para seguir contribuíndo á dinamización desta comarca”.

Exit mobile version