Site icon Crónica3.com A Mariña

A primeira Xornada Técnica de Expomar analizou diferentes enfoques da xestión pesqueira

As XXXII Xornadas Técnicas estanse celebrando na Confraría de Pescadores de Burela dentro do programa de actividades da XX Feira Expomar

Burela, 8 de maio, 2025. Na apertura da 32ª edición das Xornadas Técnicas de Expomar participaron a presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Patricia García Sánchez, e o subdirector xeral de Caladoiro Nacional e Augas Comunitarias de Segepesca, Juan Manuel Elices; acompañados de Basilio Otero como patrón maior da Confraría de Pescadores de Burela, cuxo salón de actos acolle un ano máis a celebración deste evento.

Juan Manuel Elices puxo en valor o papel crave que o sector pesqueiro comunitario xoga no abastecemento alimentario da poboación europea, sendo provedor de proteína de alto valor biolóxico e baixa pegada de carbono, e creador de empeo e de riqueza na nosa sociedade.

Pola súa banda, Patricia García Sánchez, solicitou para Galicia, como rexión altamente dependente da pesca, un recoñecemento expreso por parte de Europa, a ter en conta por exemplo na repartición das posibilidades de pesca. Para a directora xeral de Pesca da Xunta de Galicia, a nivel económico e de emprego Galicia é unha das de maior dependencia da pesca en toda Europa, co 4,8% do seu PIB e sendo o cuarto sector en exportacións, do que dependen todos os concellos do litoral da comunidade.

Finalmente, a presidenta de Expomar, Carmela López, deu a benvida a todos os asistentes, fixo un repaso dos contidos que se van a tratar durante estes dous días e deu paso ao comezo da primeira Xornada, na que se tratou a xestión pesqueira e os principais retos do sector pesqueiro confrontando as diferentes visións nacional, europea, internacional e experiencial.

Abriu a sesión Despina Symons, directora da Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento EBCD, que ofreceu a perspectiva internacional e europea da pesca e o medio ambiente, expoñendo os diferentes retos e oportunidades.

A continuación, Daniel Voces, director de Europeche, analizou as prioridades do sector pesqueiro para o novo mandato da UE.

O subdirector xeral de Caladoiro Nacional e Augas Comunitarias de Segepesca, Juan Manuel Elices, expuxo os retos de futuro da xestión pesqueira en España.

E finalmente presentouse o punto de vista experiencial a cargo do armador local José Valle, coñecido como ‘Pepe do Caxoto’, que expuxo o seu punto de vista da situación actual da pesca.

Esta primeira xornada estivo moderada por María do Carme García Negro, investigadora ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela.

Exit mobile version