Site icon Crónica3.com A Mariña

“A quinta Galicia”. César Mogo

Na miña condición de secretario do PSOE Exterior da Comisión Executiva Federal do PSOE, entre o 23 e o 29 de abril despraceime a Arxentina e Uruguai onde residen ao redor de 200.000 galegos. O programa de traballo incluíu, ademais das relacións coa colectividade española en xeral, un importante número de contactos cos centros galegos.

En Buenos Aires visitei e percorrín as instalacións do Centro Galicia (que xurdiu dunha fusión co Centro Lucense), a principal institución da emigración en Arxentina, e reuninme cos directivos dos principais centros representativos de Galicia, entre eles o Centro Galego.

Tiven a oportunidade de coñecer directamente o cadro de Castelao “A Derradeira leición do Mestre” situado na sala que leva o nome do seu autor. Unha gran emoción para min pola significación contra a represión franquista que leva e pola personalidade política do seu autor. Un testemuño de defensa da educación e da convivencia, fronte á intolerancia e a violencia da ditadura.

Tamén percorrín as instalacións do Colexio Santiago Apostol, institución educativa galego – arxentina onde mantiven un coloquio integramente en galego cos alumnos interesándose por asuntos de actualidade de Galicia.

En Uruguai tamén visitei distintos centros, incluíndo a asociación Alma Galega, onde tiven a oportunidade de conversar con moitos paisanos que a integran.

Ao longo destes encontros, tanto en Arxentina como en Uruguai, coincidín con varios descendentes de persoas que emigraron desde A Mariña.

O programa de traballo en Arxentina e Uruguai tivo como asunto máis destacado o avance que representou para a colectividade galega o dereito á nacionalidade española para descendentes das xeracións de emigrantes que se desprazaron significadamente a América e Europa. A materialización deste dereito, a proposta do Goberno de Pedro Sánchez, incorporouse na Lei de Memoria Democrática e contou co voto en contra do PP e VOX, aliñados claramente contra unha gran demanda reivindicada pola emigración española e en particular pola galega.

Este é o primeiro desprazamento que realizou a América desde que asumín a miña responsabilidade no PSOE. Seguiranlle outros porque para os socialistas os galegos que residen fóra de Galicia – ao redor de medio millón – son unha prioridade para materializar os seus dereitos como cidadáns españois.

César Mogo
Senador por Lugo
Secretario PSOE Exterior. CEF

Exit mobile version