Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputacion ofrece dúas residencias para autorxs e tradutorxs literarios da provincia en centros de Polonia e Islandia

As dúas residencias organízanse en colaboración coa Residencia Literaria 1863 que dirixe a Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño

Lugo, 3 de maio de 2025.- A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputacion de Lugo impulsa dúas residencias para autorxs e tradutorxs literarixs da provincia en centros de Polonia e Islandia.

A deputada de Cultura Iria Castro presentou a iniciativa esta tarde, acompañada da escritora Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía, que dirixe a convocatoria, organizada en colaboración con Residencia Literaria 1863.

No acto, ambas valoraron a proposta como un apoio á creación e á tradución literaria en galego, que ofrece a autorxs e tradutorxs unhas condicións de excelencia para o desenvolvemento do seu traballo: un tempo, un espazo, un contexto e unhas condicións ideais para a enteira dedicación ao seu propio proxecto de escrita creativa ou tradución literaria.

As Residencias para Tradutores/as e Autores/as Literarios/as da provincia de Lugo consistirán en dúas bolsas de traslado, manutención e un mes de estadía en residencias situadas na aldea de Krzywogoniec (norte de Polonia) e ao pé do lago Laugarvatn (no suroeste de Islandia). Trátase da Fundación czAR(T) Krzywogońca e do Centro para a Creatividade Gullkistan, respectivamente.

A elección dos destinos responde a vontade de aumentar e enriquecer o perfil internacional dos e das escritoras e tradutoras luguesas, conectándoas, neste caso, con outras áreas rurais europeas.

Destinadas a pasar este vindeiro mes de agosto de 2025 en residencia, diríxense a escritores/as en galego con ao menos un libro publicado, así como tradutores/as con demostrada experiencia na tradución de literatura, en ambos casos nados/as e/ou residentes na provincia luguesa.

Os interesados ou interesadas deberán presentar unha memoria de proxecto, bio-bibliografía, carta de motivación e mostra de traballos anteriores capaces de convencer a un xurado experto –designado polas entidades convocantes– que o/a seleccione en concorrencia competitiva. As candidaturas poden presentarse do 5 de maio ao 25 de maio. no correo electrónico 1863coruna@gmail.com. A convocatoria estará dispoñible desde o luns na web da Deputacion de Lugo.

Exit mobile version