A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, explicou que “a undécima edición da feira ribadense do libro Letras no Campo celébrase esta fin de semana con varias liñas temáticas. A primeira, as homenaxeadas este ano no 17 de maio: As cantareiras, protagonistas dun concerto didáctico celebrado o martes, dun obradoiro de reciclaxe e da actuación de Xeitosiñas este venres e da presentación colectiva do libro Somos Cantareiras por Mercedes Peón e Ana Romaní, entre outras, o domingo ás 12:00 horas”.
A edil ribadense contou que “a segunda temática é o galego de Asturias. Coa lectura teatral Xa somos europeos o sábado ás oito e a presentación dun libro o domingo ás sete da tarde. Así como unha exposición de fondos da Biblioteca El Viejo Pancho no galego de Asturias”.
Sanjurjo relatou que “outra sección confórmana as presentacións de publicación locais. Novas historias ribadenses con pentagramas, por Carlos Álvarez Lebredo o venres ás seis da tarde. Unha publicación sobre a importancia da vila ribadense na historia desde a Idade Media, por Alberto Paraje o sábado ás 13:00 horas. A escola de náutica e comercio de Ribadeo o sábado ás sete da tarde e o recoñecemento a Aurora Sampedro o domingo á unha do mediodía”.
A concelleira de Cultura dixo que “fóra destas temas cabe destacar a presentación de O libro da filla, de Inma López Silva. Para os peques da casa tamén teremos os contacontos: A Cebra Camila e O Lobo Feliz. O pregón corre a cargo de Olga Novo, premio Nacional de Poesía 2020, e a clausura será unha conversa na escola de música O son dun amor que ficou, por Luis Pulpeiro”.
E engadiu: “non esquezades que se fará entrega dos premios da fase local do certame de narración e debuxo das Letras Galegas no Campo o domingo ás 17:30 horas. Vémonos nas Letras no Campo”.