O delegado territorial, Javier Arias, subliñou que se completan os traballos de acondicionamento iniciados no 2023, sumando un investimento total de 355.500 euros
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o templo e explicou que se acometerán labores de limpeza, desinsectación, reforzo de ancoraxes, tratamento de gretas e fisuras, limpeza de policromías e vernices e reintegracións cromáticas, entre outros, que afectarán a todos os elementos do retablo: mazonería, imaxes e lenzos.
Tamén están previstas a rectificación das portas e intervencións no altar, recuperando o último chanzo da tarima pétrea de acceso e recubrindo o exterior da mesa con madeira de castiñeiro.
Para recuperar no posible o aspecto orixinal da capela eliminaranse elementos modernos que non cumpren ningunha función, como cableados e pezas metálicas ou realizadas con materiais inadecuados, e tamén a escaleira de paso á sancristía e a porta, incorporados nunha modificación do pasado século e que crea un vestíbulo que non existía.
Javier Arias sinalou que estes traballos elevan o investimento da Xunta no templo ata os 355.500 euros nos dous últimos anos. Nunha primeira fase acometeuse a rehabilitación de fachadas, cubertas e varios elementos do interior para corrixir problemas relacionados coa presenza de humidades e o uso de materiais inadecuados; nese momento xa se reparou de urxencia a zona superior do retablo para asegurar a estabilidade da estrutura.
Construída no 1731
A capela da Venerable Orde Terceira de Mondoñedo está protexida polo seu valor cultural ao ter a consideración de ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia; ademais, está situada no territorio histórico do Camiño Norte, declarado Patrimonio da Humanidade.
É un edificio do ano 1731 que formaba parte do antigo convento San Pedro de Alcántara, do cal só se conservan a igrexa de San Pedro, a capela da Venerable Orde Terceira, a antiga sancristía da capela, así como restos do antigo claustro do mosteiro.
O retablo maior sitúase no muro de peche da cabeceira, é de estilo Barroco realizado no 1743, de advocación mariana, e foi modificado en época posterior, posiblemente a inicios do século XX cando se realiza a reforma do edificio da sancristía.