A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou hoxe esta aprobación
Co Plan Básico Municipal, Alfoz conta cun instrumento urbanístico que permitirá ao municipio lucense ofrecer capacidade de acollida residencial e económica.
Máis polo miúdo, o plan para este concello, que conta cunha poboación de 1.523 habitantes, clasifica dous ámbitos de solo urbano consolidado en Seara e Vilaúde.
En canto a núcleos rurais, delimita 118 nun total de 9 parroquias, dos que 80 son tradicionais, 5 son comúns e os 33 restantes combinan partes tradicionais e comúns.
O documento recolle tamén todas as categorías de solo rústico resultantes da aplicación das lexislacións sectoriais con incidencia sobre Alfoz, tendo en conta as afeccións sectoriais delimitadas no PBA, e as consideracións establecidas nos informes e consultas sectoriais recibidos. Así, categoriza terreos rústicos de especial protección agropecuaria, forestal, de augas, de infraestruturas, de espazos naturais, paisaxística e patrimonial.
Así mesmo, o plan identifica e cataloga ata 185 elementos do patrimonio cultural. Destes elementos do patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e etnolóxico, 28 están declarados Ben de Interese Cultural (BIC), mentres que se identifican 13 bens catalogados como de interese arqueóloxico, 47 de interese etnolóxico e 97 de interese arquitectónico
Como destacou a conselleira, a Xunta, a través da Dirección Xeral de Urbanismo, está a promover os Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes, como o caso de Alfoz, que non contan con planeamentos xerais. O obxectivo da Xunta é dotar estes municipios dunha ferramenta que permita impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible.
A Xunta xa ten aprobados definitivamente 5 plans básicos municipais, de xeito que Alfoz se suma aos concellos de Páramo, Trabada, Riotorto e Ribeira de Piquín en contar con este instrumento urbanístico. E o Goberno galego está a traballar noutros 19 plans, dos que 13 xa teñen aprobación inicial (Triacastela, Cartelle, Padrenda, Porqueira, San Xoán de Río, Guntín, Punxín, Dozón, Viana do Bolo, Lobeira, Beariz, Negueira de Muñiz e Samos).
Así mesmo, hai 3 plans pendentes de aprobación inicial en diferentes fases de (San Cristovo de Cea, Antas de Ulla e San Amaro) e 3 para os que se está a redactar o borrador (Chandrexa de Queixa, Montederramo e Pantón).
A Administración autonómica destina un orzamento de preto de 1,9 millóns de euros á redacción dos distintos documentos e á elaboración da cartografía que levan aparellada.