O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a deputada de Cultura Iria Castro fixeron estas valoracións este venres nunha comparecencia na que explicaron que a Deputación de Lugo recibiu o pasado 16 de abril unha demanda de retracto por parte da Xunta de Galicia en relación coa compra da parcela na que se ubica a metade oeste da Torre de Caldaloba e a parte fundamental do seu sistema defensivo.
Iria Castro explicou que “esta notificación do Xulgado é a primeira noticia que tivemos da Xunta de Galicia desde hai case tres anos, cando a área de Cultura, xestionada daquela por Maite Ferreiro, adquiriu a parcela aos seus propietarios” e aclarou “que se a Xunta tivera interese na adquisición e na conservación de Caldaloba, puido resolver este procedemento pola vía admnistrativa neste tempo exercendo o dereito de tenteo ou dereito de retracto que lle atribúe a Lei de Patrimonio”.
En lugar diso, explicou, “levamos anos de bloqueo, con silencio na vía administrativa a todas as propostas de actuacións que se fixeron desde a área de Cultura no edificio, e de evasivas na vía política, sen responder a ningunha das solicitudes de reunión que se fixeron á Consellería de Cultura”.
“A área de Cultura actuou en todo momento co obxectivo último de incorporar a Torre ao patrimonio público e desenvolver un proxecto de recuperación, protección e valorización acordo co seu valor histórico e simbólico para Galiza”, destacou Iria Castro. A deputada Cultura constatou que “o recurso da Xunta á vía xudicial retrasará aínda máis a salvagarda e protección da Torre da Caldaloba” e responsabilizou ao goberno autonómico de “actuar desta forma, porque foi esta administración a que tomou a iniciativa”.
Neste punto incidiu o vicepresidente da Deputación Efrén Castro que constatou “o desinterese e deixadez da Xunta de Galicia ata que a área de Cultura tomou a iniciativa” e comparou a actuación da Xunta neste caso coa da Torre do Batallón de Sarria, que acaba de adquirir un propietario privado.
“Fronte a propietarios privados, a Xunta non exerceu o dereito de retracto e, neste caso, no que outra administración pública estaba disposta a asumir a propiedade, recurre á vía xudicial”, explicou Efrén Castro, que destacou que “non só se trataba de mercar a Torre se non de desenvolver un plan de consolidación e posta en valor, que a área de Cultura xa tiña”.
A Torre de Caldaloba foi declarada Ben de Interese Cultural en 1994. Unha figura de protección que atribúe a Xunta de Galicia a responsabilidade última da súa salvagarda, protección e posta en valor. Desde aquela, foron constantes os chamamentos da sociedade civil a intervir para frear o deterioro da fortificación.
En 2021, unha vintena de asociacións culturais da Terra Cha organizaron unha limpeza colectiva para alertar por enésima vez do seu estado e reivindicar a súa protección. Tamén se promoveron iniciativas politicas no Concello de Cospeito, no Pleno da Deputación, no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados, sen que a Xunta de Galicia intervise na protección da Torre, en mans de varios propietarios privados.
En xullo de 2022, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo tomou a iniciativa para incorporar este ben ao patrimonio público e desenvolver un proxecto de recuperación, consolidación e valorización da Torre e da súa contorna, acorde co interese patrimonial, histórico e simbólico que ten para Galiza.
Tras varios meses de xestións para esclarecer a propiedade e acordar a venda, o 29 de xullo de 2022, aprobouse na Xunta de Goberno da Deputación de Lugo a proposta da compra da parcela na que se situa a parte mellor conservada da torre e do sistema de fosos e contrafosos defensivos que a rodean, así como o acceso principal.
Como corresponde ao tratarse dun Ben de Interese Cultural, a Deputación comunicou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a adquisicion da parcela o 3 de agosto, un trámite que contempla a lei, para que a Xunta de Galicia poida exercer, no prazo de 3 meses, o dereito de tenteo, que pode exercer para si ou para outras administracións.
Nese período, o Concello de Cospeito iniciou un procedemento de expropiación dos terreos que ocupa a outra parte da Torre. Desde a Vicepresidencia da Deputación solicitáronse daquela reunións tanto co Conselleiro de Cultura Román Rodríguez como co Concello de Cospeito para abordar vías de colaboración, sen obter ningunha resposta.
0 21 de outubro, a Deputación asinou ante notaria o contrato de compravenda da parcela, completando o proceso de adquisicion da parcela que iniciara coa aprobación do procedemento en Xunta de Goberno o 29 de xullo. O 4 de novembro, a un día de concluír o prazo de tres meses do que dispoñía para facelo, a Xunta de Galicia comunica á Deputación de Lugo, a través dun escrito, “a intención de exercer o dereito de tanteo en beneficio do Concello de Cospeito en relación a adquisicion do ben coñecido como a Torre de Caldaloa comunicada pola Deputación de Lugo”.
Desde aquela, a Xunta de Galicia non respondeu nin pola vía administrativa nin política a ningún dos procedementos ou solicitudes realizadas desde a área de Cultura, persistindo nun bloqueo que impediu a inscrición da parcela no rexistro da propiedade e calquera outro avance na protección da Torre.
Ao longo do ano 2023, a área de Cultura solicitou á Xunta de Galicia en dúas ocasións permisos de Patrimonio para actuacións de conservación, estudo e consolidación da Torre de Caldaloba, que non recibiron resposta. A primeira, o 23 de febreiro de 2023 para realizar traballos de estabilización e consolidación. A segunda, o 5 de decembro do 2023 para desenvolver sondaxes arqueolóxicas valorativas na parcela e instalar elementos de protección no pozo situado a carón da fortaleza.
A maiores, a área de Cultura concurriu á convocatoria de axudas do programa do 2% cultural do goberno do Estado cunha proposta de investimento de 868.000 euros en actuacións de investigación, conservación e consolidación da Torre de Caldaloba, que foi desestimada en decembro de 2024 por ese bloqueo.