Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina máis de 47.000€ para revitalizar a Praza de Abastos de Viveiro

A reactivación do espazo é unha das prioridades do equipo de goberno

Viveiro, 21 de maio de 2025. O Concello de Viveiro recibiu unha axuda de 47.702,40 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para dinamizar e revitalizar a Praza de Abastos. O importe dividirase en dous: 19.727,20 este ano e 27.975,20 en 2026.

A axuda terá que empregarse, entre outras accións, para redactar o proxecto da Praza de Abastos en colaboración cos placeiros, aos que tamén se lles destinará unha parte do importe en actividades de formación. Tamén está contemplada na partida a dirección de obra.

A alcaldesa Mariña Gueimunde xa explicara na comparecencia de prensa do venres 16 de maio que unha das prioridades do equipo de goberno é a reactivación da Praza de Abastos. «Temos interese en que volva a ser a que foi, porque está no corazón de Viveiro. Apostamos polo comercio tradicional e de proximidade. O goberno anterior solicitou unha diagnose e nós, unha subvención. Mentres non se produza a rehabilitación, posiblemente ata o seguinte exercicio, hai que darlle vida. Por iso sacamos de novo a licitación os postos», expuxo.

Exit mobile version