Alfonso Villares destaca o compromiso do Goberno galego neste ámbito e que está recollido no Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030 que recolle 100 medidas dirixidas a avanzar no seu coñecemento, preservación e posta en valor
O convenio de colaboración permitirá a realización do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais, que terá lugar este ano no concello coruñés de Ribeira, e a celebración da IV Copa Mörling- Campionato Galego de dornas a vela. Ademais, inclúe a promoción da cultura marítima galega a nivel peninsular mediante a participación en eventos como o XIII Encontro de Embarcaçoes de Vila do Conde e a súa homónina de Esposende, en Portugal, ou o Batelero Eguna no País Vasco.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, destacou o compromiso da Xunta neste ámbito no marco do Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030 que recolle 100 medidas dirixidas a avanzar o seu coñecemento, preservación e posta en valor. Nesta liña, enxalzou a riqueza patrimonial de Galicia espallada polos seus máis de 1.600 quilómetros de costa cunha gran actividade vinculada ao mar que definiu un gran número de oficios e de estilo de vida. Tamén destacou as oportunidades que ofrece a cultura marítima á hora de dinamizar a economía dos concellos costeiros da comunidade.
O responsable autonómico indicou que son preto de 60.000 euros os que aporta a Administración autonómica cos que está previsto que se elabore materiais didácticos dirixidos ao público xuvenil e para ampliar os fondos da biblioteca mariñeira aberta ao público en xeral. Un labor divulgativo tamén nas novas tecnoloxías mediante a difusión en redes sociais das accións previstas. Por último, Alfonso Villares manifestou que este esforzo ten como finalidade a valiosísima herdanza da Galicia do mar aos galegos e galegas do mañá.