O conselleiro do Mar comprobou o desenvolvemento dos traballos iniciados esta semana e que permitirán mellorar a condición de traballo nos 10 locais de uso profesional
O conselleiro, que estivo acompañado na súa visita polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou que esta actuación permitirá o acondicionamento dos dez departamentos para uso profesional dos armadores que teñen base no porto de Cervo. Os locais distribúense en tres edificios nos que se pretende ademais mellorar a súa integración na contorna e reducir as necesidades de mantemento.
Para isto substituiranse as cubertas, baixantes e canalóns e pintaranse as fachadas entre outras melloras. As novas cubertas serán de panel sandwich ancoradas sobre correas de madeira tratada e renovarase a impermeabilización da parte superior dos soportais no fronte dos locais cara á rúa.
Finalmente conectaranse todos os departamentos á rede de saneamento existente e restauraranse os elementos de formigón armados que presentaban deficiencias. Con esta actuación preténdese minimizar tamén a presenza de humidades nos muros da envolvente dos edificios.