As obras están en execución e permitirán modernizar o alumeado exterior do porto cun aforro enerxético estimado do 60%
Esta actuación enmárcase nun plan global para unha trintena de dársenas autonómicas no que Portos de Galicia inviste este ano 3 millóns de euros para dotar de sistemas de alumeado exterior sustentable ao sistema portuario autonómico. En concreto no porto de Viveiro, estase a actuar sobre 54 luminarias e proxectores para a súa renovación, incluíndo a retirada das instalacións existentes, substitución polos novos equipos LED, así como a dotación de sistemas de telexestión.
O obxectivo principal destes traballos de modernización é reducir a contaminación ambiental e luminosa nos espazos portuarios, co apoio dun sistema de control remoto das luminarias. Así, aportarase maior comodidade visual aos seus traballadores e usuarios ademais de procurar ese aforro enerxético estimado do 60%.
Con este obxectivo, implantarase tecnoloxía LED con equipos de altas prestacións deseñados especialmente para traballar en espazos portuarios pola súa durabilidade en ambientes mariños e condicións climáticas adversas. Ademais, incrementarase a protección contra sobretensións e implantarase unha capa tecnolóxica para o telecontrol de iluminación.