A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, reuniuse co alcalde, Manuel Otero, para tratar o funcionamento da actual unidade de atención temperá, que atende a 90 nenos e nenas ao ano
Esta unidade, con sede en Mondoñedo, presta servizo a dez concellos: Mondoñedo, Abadín, Barreiros, Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto, Trabada, Meira e Pol. A Xunta financia esta unidade a través da orde de axudas destinadas a concellos, cofinanciada con fondos FSE+, a través da que destina máis de 183.000€ anuais a esta agrupación.
Na reunión, Xunta e Concello trataron a posibilidade de colaboración para poder prestar servizo aos usuarios da unidade que cumpren 6 anos e precisan seguir contando con estas terapias. Precisamente, unha das prioridades da Xunta nesta lexislatura é impulsar o servizo de atención postemperá en Galicia, unha iniciativa que arrancará o ano que vén en Vigo, coa posta en marcha dunha nova unidade que tamén contará con servizo de atención postemperá, para nenos maiores de 6 anos. O obxectivo é que os menores que sigan precisando destas terapias poidan seguir contando cun servizo que atenda as súas necesidades.