Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo de inscrición para os campamentos de verán en Trabada

Trabada, 5 de maio de 2025. O Concello de Trabada abre este luns o prazo de inscrición para os campamentos de verán 2025, un programa xa consolidado dentro das políticas municipais de conciliación familiar e que este ano presenta como principal novidade a creación dun campamento xuvenil dirixido ao alumnado de secundaria.

O campamento de verán, destinado a nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2021, desenvolverase entre o 23 de xuño e o 5 de setembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Este servizo pretende ofrecer un espazo educativo e de lecer durante os meses de vacacións escolares, ao tempo que facilita a conciliación das familias.

A novidade deste ano é o campamento xuvenil, dirixido a mozos e mozas nados entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2012. Esta actividade levarase a cabo entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, tamén en horario de 10:00 a 14:00 horas. O obxectivo é ampliar a oferta municipal ao tramo de idade da educación secundaria, permitindo que tamén a mocidade conte cun espazo propio de participación durante o verán.

O prazo de inscrición para ambos campamentos estará aberto do 5 de maio ao 6 de xuño. Terán prioridade os nenos e nenas empadroados no municipio.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “desde o Concello continuamos apostando por programas que contribúan á conciliación das familias. Este ano damos un paso máis cun campamento xuvenil que permitirá que os rapaces e rapazas de secundaria tamén poidan desfrutar dun verán activo no seu concello”.

Ademais, o Concello anuncia que nas vindeiras semanas se abrirá tamén o prazo de inscrición para tres programas de conciliación pensados para o período escolar: os programas Madrugadores e Ludiseráns, destinados a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, e o novo programa Miudiños, orientado á atención de menores de entre 0 e 3 anos.

Con estas iniciativas, o Concello de Trabada reforza o seu compromiso coas políticas de apoio ás familias e co dereito á conciliación, cada vez máis necesario no día a día da veciñanza.

Exit mobile version